Desenvolven en Arteixo un silicio para aumentar a capacidade das baterías

Ferrosolar investirá máis de 6 millóns e pretende aumentar o cadro de persoal e atraer a outras compañías para aproveitar sinerxías.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2018 | Actualizada ás 16:13

Comparte esta noticia

A empresa Ferrosolar, implantada en Arteixo (A Coruña), comezou a traballar no desenvolvemento dun silicio adecuado para industrias de alto crecemento, como a de vehículos eléctricos e electrónica de gran consumo, xa que permitiría aumentar un 30% a capacidade das baterías e reducir o seu custo até nun 20%, ademais de servir como substituto do grafito.

Imaxe de arquivo dun teléfono móbil
Imaxe de arquivo dun teléfono móbil

Nun comunicado, a planta de Silicio Ferrosolar --filial de Ferroglobe-- anunciou a firma dun acordo coa empresa Biosolar - tecnoloxías de almacenamento de enerxía e materiais--, que permitirá unir o potencial do silicio micrométrico co aditivo, para "duplicar a súa capacidade" e "mellorar a eficiencia, durabilidade e seguridade" das baterías de litio. Así mesmo, explicou que esta produción de silicio, ademais de usarse no ánodo das baterías como "mercado máis importante" neste campo, tamén se destinará a outros mercados, como os de materiais termoeléctricos e cerámicas avanzadas.

Polo que respecta ao mercado do litio, a compañía indicou que "a crecente demanda" en certos sectores "impactou directamente" sobre a súa produción, e "non se logra dar cobertura, a prezos normais, a unha economía en constante crecemento". "En 2025 prevese que o mercado global de baterías creza a 500 xigawatios por hora e que o seu valor se incremente até os 70 billóns de dólares", precisou.

Ante esta situación, Ferrosolar explicou que "a maior parte" dos fabricantes de baterías de litio que utilizan silicio "fano en pequenas cantidades e usando nanopartículas, cuxo manexo e produción é complicado", ademais de "moi custoso". Por iso, o desenvolvemento da tecnoloxía de uso de silicio micrométrico que propón, considerado por "moitas empresas" como "o camiño para conseguir os 100 dólares por quilowatio hora marcados pola Unión Europea como custo máximo das baterías de litio, permitirá "unha rápida expansión" de silicio no ánodo.

AUMENTO DO CADRO DE TRABALLADORES

Así mesmo, este proxecto, no que Ferrosolar realizará investimentos de máis de 6 millóns de euros en equipos de moenda, permitirá "aumentar o cadro", tal e como indicou a propia empresa, e "pode atraer a outras compañías fabricantes de baterías de litio". Por iso, Ferrosolar indicou que se expón esa posibilidade de "incrementar" o cadro da súa planta de Sabón (Arteixo), "especialmente cando o produto de baterías sexa homologado a partir de finais de 2019".

Así, apuntou que a manufactura de silicio de alta pureza "atraerá" a empresas fabricantes de baterías de litio, polas "posibles sinerxías entre a fabricación de materiais activos para o ánodo --de silicio e grafito-- e a fabricación de pilas ou células".

PRIMEIRAS PROBAS ELECTROQUÍMICAS "CON GRANDE ÉXITO"

En concreto, é na planta de Silicio Ferrosolar da Coruña onde se realizaron as primeiras probas electroquímicas do novo ánodo, tal e como sinalou a compañía. O obxectivo, segundo destacou, é alcanzar 700 mega amperios-hora por gramo (mAh/g) cunha capacidade de retención do 80% despois de 300 ciclos. Por iso, explicou que esta fase "se superou con éxito" ao manter o 80% da capacidade inicial despois de 350 ciclos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta