Por Galicia Confidencial | Santiago | 22/09/2018 | Actualizada ás 22:00
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, emitiu un comunicado no que denuncia a ilegalidade da técnica de dividir en varios segmentos os parques eólicos que estean sobredimensionados. Esta maneira de proceder tería como obxecto facilitar a tramitación de apertura de ditas áreas enerxéticas.
"Tras a aprobación da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, coñecida poluparmente como "Lei de depredación", estamos asistindo a unha chea de proxectos, nomeadamente parques eólicos, aproveitando as facilidades administrativas que propicia esta norma", denuncian.
Para ADEGA a lei aprobada é "unha norma que declara "de especial interese” determinados parques que gozarán dunha "tramitación prioritaria e verán reducidos á metade os prazos de instrución". Engaden tamén que "alén de que automaticamente terá prevalencia a utilidade pública destas instalacións por riba de calquera outra utilidade pública".
A asociación ecoloxista anuncia no seu comunicado que "algunhas empresas eólicas con megawatios adxudicados no último concurso están a solicitar á Xunta esta declaración de especial interese", para deste xeito ver priorizados os seus proxectos, gozar das referidas prebendas administrativas, dificultar a participación pública e neutralizar calquera oposición. É o caso dos recentes parques promovidos por Green Capital Power (parques "Monte Inxerio" e "Gasalla") en Ordes, Cerceda, Mesía e Frades; e Greenalia Power (parques "Campelo", "Bustelo" e "Monte Toural"), en Coristanco, Carballo e Santa Comba.
EMPRESAS
Os ecoloxistas tamén apuntan que "mesmo algunha destas empresas, caso de Green Capital Power, renunciaron a tramitar un parque eólico no Ministerio (proxecto "Ardemil")", que segundo denuncian que buscan "presentalo "despezado" en parques de menos de 50MW ("Monte Inxerio" e "Gasalla") na Xunta, e así beneficiarse das prebendas administrativas que Feijóo instituíu coa Lei de depredación".
Outras empresas apuntadas por ADEGA serían "Greenalia Power presentou 3 parques eólicos (Campelo, Bustelo e Monte Toural) de 42, 46,2 e 21 MW respectivamente", que ademais estaría "nunha mesma área xeográfica arredor do Monte Castelo e a lagoa de Alcaián, nos concellos de Coristanco, Santa Comba, Carballo e Tordoia". Neste caso tamén se "usou como no caso anterior a trécola do "despece" para que cada instalación, contigua ás demais e que comparten infraestruturas e liña de evacuación, non supere os 50MW". Isto traería que "sexa tramitada pola Xunta atendendo ao réxime especial e cos beneficios antes referidos".
ADEGA apunta que esta estratexia de despece dunha mesma instalación noutras máis pequenas "xa foi cuestionada por diversas sentenzas xudiciais e declarada ilegal polo Tribunal Supremo". Segundo di o grupo ecoloxísta "o Supremo español argumenta por exemplo na sentenza de 30 de marzo de 2017 (STS 1390/2017 sala do contencioso administrativo)". Na mesma nota enviada por ADEGA, apúntase que "existíu unha fragmentación artificiosa do que debera ser un único parque eólico, e non se fixo a correcta calificación do réxime xurídico das instalacóns en función da potencia instalada". A consideración separada dos parques "impide ter en conta os seus efectos sinérxicos dende a perspectiva medioambiental".
TRÁMITES E LEXISLACIÓN
Segundo a Lei 54/1997 do Sector Eléctrico, se un parque eólico supera os 50MW tramítao o Estado, e se a potencia está por baixo desta cifra a tramitación correspondería á Xunta. "Acontece que tanto no caso de Galicia como o de Castela-León, as lexislacións autonómicas son menos garantistas e proteccionistas dos interese públicos (ambientais, patrimoniais, etc.) que a estatal". Para ADEGA esta "é a razón pola que estas empresas están a fragmentar artificiosamente os seus proxectos para conquerir vantaxes administrativas, coa connivencia da Xunta".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.