Cabalo Tolo cabalga de novo polos outeiros Lakota

Nesta sétima entrega de 'Viaxes sen Lee', Gabriel Rei-Doval continúa o seu periplo emocional polos outrora infindos montes Lakota.

Por Gabriel Rei-Doval | Black Hills (South Dakota, USA) | 04/10/2018 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

A experiencia das Badlands permitírame conectar coas feridas máis profundas do ser que un home pode experimentar. Wounded Knee tivera ese poder catártico que ás veces posúen as interaccións a medio camiño entre humanas, enerxéticas e emocionais. Mais antes de saír do minguado país dos Lakota tiven aínda tempo de comproba-la forza e círculo vicioso en que as feridas poden entrar ó determe para facer compras en Pine Ridge -nó da arañeira da reserva- e sentir como a miña branquitude era rexeitada de vez, mesmo se proviña dun pobo e unha fala en absoluto relacionadas co home branco que conquistara as Badlands.

Nas impresionantes configuracións xeolóxicas das Badlands
Nas impresionantes configuracións xeolóxicas das Badlands

A saída apresurada de Pine Ridge aínda me trouxo outra derradeira sensación, xa allea a min, cando pola Highway 18 me sorprendeu o abraiante parecido entre o outeiro Lakota de Oglala e o soriano Alto de Gormaz. Sen dúbida, eran restos dun pasado rematado que o meu ser aínda precisaba deixar marchar plenamente coma na fermosa canción de Nitin Sawhney. Así o entendín e, sen darlle máis importancia, continuei respirando luz como suxería a miña outra canción preferida de Sawhney, coma se cada dificultade trouxese canda ela a correspondente oportunidade de curación e iluminación. Fora un día longo de sensacións sentidas e emocións intensas, e cumpría deixar que primeiro Anapana e logo Morfeo axudasen a rexenera-las correspondentes enerxías na noite de Hot Springs.

A mañá seguinte realicei a transición entre as Badlands e os Black Hills, coma se no cambio de día me acompañase aínda a escuridade e sombras que acostuman preceder o encontro coa luz. En realidade, a beleza da paisaxe e a intensidade das sensacións semellaban confirmar tan atinada impresión. Así que concentrei a atención na música e mailas paisaxes do Parque Estatal Custer, coas impresionantes agullas e túneles escavados na rocha ó longo das Highways 16A e 87. Foi tamén o meu primeiro encontro cunha fauna salvaxe que por momentos cruzaba na estrada e obrigaba a deter ou ralentiza-la marcha.

As paraxes de lagos, outeiros e lugares de acampada mesturábanse harmoniosamente en estradas locais populadas por moteiros en parella, motos con sidecar e coches de época a gozar dun soleado sábado que había rematar en treboada anunciada. Mais o goce da paisaxe era polo demais pleno. 

Todo americano medio louva a importancia de manter parques nacionais e estatais, adoito atacados por incendios forestais de verán, como cicatrices no monte que porén marcan coa súa pegada e ritmos a necesaria rexeneración do medio natural. Diferentes alturas, sobre todo de piñeiros e abetos, salientaban as ofensivas da natureza e mailos correspondentes esforzos dos coidadores que repoboan os montes para devolvelos a un estado de certa normalidade. A loita contra o lume desatento deu como resultado ata algunha raíz completamente desgarrada do chan, formando o que nunha imaxinación centrada no medo serían figuras abominables emerxendo das profundidades, cal das fonduras da mente máis oculta ó comportamento humano obvio.

O Needles Eye Tunnel das Badlands
O Needles Eye Tunnel das Badlands

En realidade, calquera forma antropolóxica pode cativa-lo ollo e a imaxinación humanas que a observa, e mesmo condicionar e forma-la súa percepción do mundo circundante. Así acontece ó detérmonos tralo Needles Eye Tunnel para olla-la imaxe dun cuadruplamente presidencial Mount Rushmore. Nestas faraónicas obras deixou clara o home branco a súa capacidade para facer transitable unha estrada de caprichosas configuracións xeolóxicas e asemade para converte-la natureza en persoal e intransferiblemente histórica. 

A miña devoción por Uncle Sam porén non foi abonda para visitar tan histórico monte, mais si deu para renderme á igualmente impresionante e xigantesca escultura de Crazy Horse, nas aforas de Custer. A fin de contas, Crazy Horse homenaxea o mundo e o espírito nativo-americanos, nun proxecto onde varias xeracións e a fundación xerada ó seu arredor levan preto dun século modelando un monte para aproximalo á fisionomía do mítico líder indio a cabalo que, inda sendo asasinado polas forzas leais ó Tío Sam, prometera nunca irse para sempre senón ficar co seu pobo en formato pétreo. E, como lenda feita realidade, o teimudo labor dunha familia de orixes polacas e sensibilidade india leva xeracións dando forma a tan magno labor. Malia o seu estado inacabado, Cabalo Tolo segue vivo e volve cabalgar polos Outeiros Negros dos Lakota, for en pétreo lombo equino for en cromatismo azulado áureo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA