“Non se pode aforrar en educación cando se trata do futuro dos nosos fillos”

Os pais e nais de Vilar de Barrio levan dous días de protestas. Tras meses de tentar dialogar coa Consellería de Educación decidiron pasar das palabras aos feitos. “Nós insistimos no diálogo pero ningúen nos fai caso”, din para defender a chegada dun novo profesor a un centro que, a pesar de estar no rural, é un referente en innovación educativa.

Por Xurxo Salgado | Vilar de Barrio | 05/10/2018 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

O CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio é un centro recoñecido polos seus bos resultados, premiado, cun profesorado implicado, familias activas e que leva mantendo a mesma matrícula en dez anos. E, a pesares diso, conta cun cadro de persoal de tan só catro profesores que enchen e dobran a súa xornada para atender a 48 cativos e cativas. 

Lidia Preito, presidenta da ANPA do CEIP Vilar de Barrio, no que denuncian a falta de profesores
Lidia Preito, presidenta da ANPA do CEIP Vilar de Barrio, no que denuncian a falta de profesores | Fonte: remitida

Un feito que provocou a mobilización dos pais que tamén se xuntaron as reclamacións de mestres para reclamarlle á Consellería de Educación que non abandone ao estudantado nin ao profesorado dun centro que recibiu varios premios como o Samsung de Innovación Educativa con proxectos de robótica. O seu caso é semellante ao de Allariz ou Brión, con profesores, pais e alumnos que critican os recortes en Educación.

Lidia Prieto Iglesias, é a presidenta da ANPA deste CEIP de Vilar de Barrio

Pedides que se restitúa a praza dun profesor eliminada. E, por que se eliminou?

Pedimos que se restitúa a praza dun profesor que concertou un traslado que lle aceptaron e non cubriron a praza. En primeiro lugar empezouse polo centro. Tanto a directora coma o profesorado solicitaron que se cubrise a praza porque estaban os alumnos agrupados de tres en tres e o xeito que teñen eles de traballar necesitaba ter outra distribución. Sempre empregamos o diálogo. Pero en vista de que os profesores non conseguiron nada, nós, as familias, vendo o esforzo para levar o traballo adiante, decidimos apoiar estas necesidades do centro. Porque os máis interesados son os nosos fillos e fillas. Tratando desde o principio de usar sempre o diálogo, falamos con inspecció,  coa xefa territorial, pedimos cita en Santiago para dialogar con eles... E aínda así nunca obtivemos ningunha resposta. Os pais estamos algo indignados e ao ter sempre moi boa sintonía entre o centro e as familias valoramos o esforzo que fan os profesores e eles recoñecen as nosas preocupacións como pais. Por iso estamos loitando por un ben común.

Protestas de pais, estudantes e profesores do CEIP Vilar de Barrio polos recortes na educación
Protestas de pais, estudantes e profesores do CEIP Vilar de Barrio polos recortes na educación | Fonte: remitida

Levades xa meses reclamando esta praza. Cal é a resposta da Xunta ás vosas peticións?

Polo momento non temos ningunha resposta pero todos temos a esperanza de chegar a un bo fin, e seguiremos loitando. O parón deste mércores e xoves foi para lembrar que estamos aquí e seguimos esperando tratando de facelo do mellor xeito posible facéndose notar pero sen que haxa faltas contra ninguén, e con todo respecto.

E por que credes que non queren repoñer ao profesor?

Posiblemente non é que non queiran. O que trata a Conselleria é de aforrar diñeiro e se poden aforrar o soldo dunha persoa. Pero nós pensamos que aforrar en persoal de educación cando hai unha necesidade nun centro que, ademais, comparado con centros do alrededores, está en infrioridade de condicións respecto a outros da zona –e iso está recoñecido pola inspección--, pois non nos parece o mellor xeito.

O profesorado deste centro está moi involucrado e moitos proxectos innovadores como a robótica utilización de tablet no centro, deseño e impresión de 3D Radio.... e todo iso require un tempo e unha preparación que non é posible levar a cabo con tres cursos e nunha clase, por moito esforzo que os profesores poñan do seu parte.

Precisamente, sodes un centro referencia en moitas cuestións. Credes que esta situación pode afectar ao rendemento dos estudantes?

O de ser centro de referencia non é algo que digamos nós senón que está avalado cunha serie de recoñecementos posto que o centro ten recibido varios premios así se pode constatar tanto na Delegación, como na Conselleria. E por iso pode afectar.

Hai unidade entre pais e profesores sobre esta cuestión?

Entre pais e profesores non hai ningún problema. O único problema que hai neste centro é que fai falta máis persoal e que os números non só son os nenos que hai, nin cantos son e a cantos tocan , senón que hai unha serie de problemáticas e de dificultades que tamén hai que valorar.

E senón atenden as vosas que opcións ou protestas tedes pensado facer?

Se non atenden ás nosas protestas seguiremos intentando mellorar a educación dos nosos fillos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta