O PPdeG censura os "exabruptos" do alcalde de Vilanova pero non pide o seu cesamento

Toda a oposición pide a dimisión. En Marea, PSdeG e BNG inciden no "machismo" de Durán, quen tachou a Silva de "chacha para todo" do "ancián" Abel Caballero. O rexedor vigués tamén pide a intervención de Feijóo para que cese ao rexedor vilanovés.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2018 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PP galego, Pedro Puy, censurou os "exabruptos" e tachou de "profundamente desafortunadas" as palabras do alcalde de Vilanova de Arousa, o popular Gonzalo Durán, quen se referiu á presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, de "chacha para todo" do "ancián" Abel Caballero.

Carmela Silva
Carmela Silva

En rolda de prensa, Puy apelou a "coidar a linguaxe" na política e chamou a fuxir das "descualificacións persoais", pero evitou pedir ou pronunciarse a favor de que o rexedor dimita, como esixe en bloque toda a oposición. "Non teño máis consideracións respecto diso", manifestou, ante a insistencia dos medios sobre se Durán debería dimitir.

O que si remarcou, tras condenar as "profundamente desafortunadas" palabras do rexedor é a deriva xeral da política cara ás "descualificacións persoais". "Nas súas responsabilidades", incidiu en que trata de que o seu grupo caia neste tipo de actitudes e chamou a facer esforzos por parte de "todos" para que "este tipo de afirmacións non teñan cabida".

Iso si, precisou que "algúns dos que se queixan" polas palabras do alcalde --en cuxo "fondo", a "discriminación" que sentía este por parte da Deputación, non quixo profundar-- "non destacan precisamente por ter coidado con algunhas cousas que din a outras persoas".

E é que, remarcou, é preciso dar un xiro para que a política "se dignifique" e non se identifique "cunha conversación de altas horas da madrugada nunha taberna". En canto á incidencia no Debate sobre o Estado da Autonomía, Puy rexeitou aventurar que ocorrerá e garantiu que, no que respecta ao PP, acudirá "con ánimo construtivo".

"QUEDAN 24 HORAS"

Respecto diso, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, incidiu nas "complicadas relacións do PPdeG coa violencia machista" e aludiu a diversas manifestacións ou á postura ante o 8 de marzo, despois "rectificada a última hora" cando os populares "viron que ía haber unha ampla e transversal onda feminista".

"Pero cando amaina a presión, volvemos outra vez ás andadas", lamentou, antes de incidir en que as palabras de Durán " minusvaloran á muller que fai política" e reafírmase en que "o home manda e é a muller quen obedece". "Estes días foi Carmela Silva, pero mañá pode ser calquera outra que se dedique á política e teña espazo no ámbito público", advertiu.

Do mesmo xeito, lembrou que o rexedor se reafirmou no dito, unha actitude "contumaz" que, ao seu modo de ver, podería deberse a que percibe "o apoio do seu partido". Por este motivo, advertiu ao presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que debe actuar e facer que dimita antes do debate de política xeral. "Quedan 24 horas", advertiu o portavoz socialista, quen subliñou que, antes de que arrinque o debate, o alcalde de Vilanova "debería estar fóra da política".

"XA ABONDA DE MACHISMO"

Pola súa banda, o BNG tamén urxiu este luns a dimisión do rexedor de Vilanova. "Ninguén que ataca a unha muller pode estar á fronte dun cargo público", manifestou a viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, en rolda de prensa.

A parlamentaria mostrou o "total apoio" da súa formación á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e asegurou que as palabras nas que Gonzalo Durán se referiu a ela como a "chacha para todo" do alcalde de Vigo, Abel Caballero, "retratan a quen o di".

"Xa abonda de machismo desde a institucións", reivindicou Rodil, que denunciou tamén a "actitude" que mantén o Partido Popular. "Non nos sorprende, porque o propio Feijóo destacou no debate parlamentario por machistadas como as que proferiu contra a portavoz nacional do BNG", Ana Pontón, manifestou en referencia á sesión do control na que o presidente afirmou "parece que a señora Pontón está moi necesitada".

Por todo iso, subliñou que os "comentarios machistas" deben ser "erradicados" de calquera ámbito público para deixar claro que "o machismo non ten cabida en ningún ámbito da sociedade".

"MACHISTA RECALCITRANTE"

Noutra rolda de prensa ofrecida este luns tamén se referiu a esta cuestión o portavoz de En Marea, Luís Villares, que considerou que Gonzalo Durán é un "machista recalcitrante" e un "indigno representante dos veciños".

Por iso, pediu a súa dimisión "inmediata" e, de non producirse, instou ao Partido Popular "a retirarlle o seu apoio inmediato". "A cidadanía non merece a un alcalde así", subliñou. Ademais, afirmou que o Debate de Estado da Autonomía que arrinca este martes permitirá ver como o "contador de contos dos Peares" acode á Cámara para "contar de novo fábulas".

Fronte a iso, asegurou que a "realidade" do PP debúxana cargos como o alcalde de Vilanova, o de Noia "e os seus chistes" machistas ou a "condena por acoso" do rexedor de Palas.

CABALLERO

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, condenou este luns os "gravísimos insultos e descualificacións" do rexedor de Vilanova a Carmela Silva, "por ser muller", e instou a Núñez Feijóo e a Pablo Casado a "desautorizar" e "pedir a dimisión" de Gonzalo Durán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta