O interminable sorriso ucraíno viaxa en cabina

Nesta oitava entrega de 'Viaxes sen Lee', Gabriel Rei-Doval empatiza co interminable sorriso ucraíno de Anna en Custer.

Por Gabriel Rei-Doval | Custer (South Dakota, USA) | 11/10/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A entrada no Parque Estatal Custer supuxera unha transición ó mundo interior favorecida pola beleza da paisaxe e os ecos emocionais de músicas diversas. As experiencias que tocan fibras da dor humana teñen esa capacidade de fomenta-la introspección, e as sentidas nas Badlands e os Black Hills non eran excepción ningunha. Como reza a sabedoría budista, a dor é a meirande e máis eficaz mestra, por moi difícil de xestionar que resulte ás veces.

No fermoso Parque Estatal Custer de Dakota do Sur
No fermoso Parque Estatal Custer de Dakota do Sur

A treboada seguía a pisarme os calcaños, como levaba facendo des que saíra de Milwaukee a finais de agosto, cal se estivese inmerso nunha versión climática de North by Northwest onde eu era un Cary Grant refuxiado, non nos campos de millo, senón no discreto Black Hills Mile Hi Motel de Custer. A descomunal treboada e a correspondente aparataxe eléctrica sobre a fermosa vila ó pé do monumento a Cabalo Tolo eran claras probas de tan cinematográfica teoría.

Mais nunca choveu que non escampara, así que en pasando o trebón saín do cuarto para gozar da febre do sábado noite na fermosa vila de Dakota do Sur. Nunha primeira volta pola céntrica Mount Rushmore Road, onde se concentraba toda a movida nocturna, e xa Custer en recesión lúdica nocturna, os meus ósos bateron co animado Gold Pan Saloon que, coas súas portas xiratorias, reproducía a estética dun local do oeste de imaxinería hollywoodense. Era en efecto o lugar máis concorrido da esmorecente noite de sábado estival.

Sentado na barra e sen observar intereses conversacionais maiores, limiteime a pedir unha Sam Adams Oktoberfest. Mirei cara á esquerda, e un home de faciana triste ollaba pouco comunicativo para ámbolos lados sen saír dun permanente aburrimento, poida que ata consigo mesmo. Mais ó virar á dereita topei cun fugaz sorriso empático que deu pé a iniciar unha conversa aparentemente accidental. Anna conversaba con Matt, nunha parola serena que intuín aberta á participación externa. A iniciativa da parella semellaba levala Anna, cos seus empáticos e rasgados ollos que, sen desatende-lo seu compañeiro, cativaron axiña a miña atención.

Naquela parella de paso por Custer os dous resultaron ser enxeñeiros, namorados en Boston e residentes en Denver, onde Matt comezara unha startup que producía cabinas telefónicas para realizar chamadas privadas desde os móbiles en grandes empresas. Falamos da desaparición das evocadoras cabinas vermellas do Reino Unido e dos históricos payphones norteamericanos, mais eles pensaban que a vida adoita ofrecer oportunidades a quen non desespera e as procura sen desfalecer.

Seica tampouco desesperara a nai de Anna, Sasha, fuxida das dificultades da convulsa Ucraína para instalarse coa meniña en París. Porque cando parece que o mundo todo acaba, velaí está París; alí Sasha namorara de Robert, un loiro de Boston abraiado coa súa engaiolante presenza. Robert non tivera reparos en aceptalo todo, incluída a crianza dunha Anna naquela altura con oito aniños. Cando dúas almas realmente xemelgas se atopan, ata na maior das dificultades, nada se opón, nin sequera a mudanza de Anna, Sasha e Robert de volta a Boston. Alí a meniña Anna comezou a aprender inglés de Robert e, perdido o seu acento norteuropeo, o único exotismo que conservou foi o engaiolante sorriso ucraíno de herdanza materna.

Se cadra foi tamén o seu sorriso inacabable o que engaiolou quince anos despois a Matt, gringo discreto que inda hoxe segue fundido con Anna, entrega á que tamén respondeu ela non menos integradora, adaptando os seus intereses pola enxeñería electrónica para facer aquilo que ós dous lles permitiu mudarse á innovadora Denver na procura dunha vida mellor.

De tan harmoniosa parella engaioloume o sincero sorriso rasgado con que Anna agasallaba Matt e asemade a súa temperada presenza, abraioume a capacidade de resiliencia da súa familia no periplo entre dous continentes e o amor que permitira á súa nai Sasha reinicia-la vida e con xenerosidade criar unha segunda filla común con Robert, nestes momentos a piques de remata-los estudos universitarios. E, sobre todo, marabilloume a capacidade de Anna para, sen renunciar á súa integridade persoal, pensar que apoia-la iniciativa emprendedora de Matt non implicaba renunciar ó seu desenvolvemento profesional, senón apostar convencida por unha felicidade plena en común.

Fronte ó letal conflito entre Rob e Jodie, o amor que unía Anna e Matt semellaba máis poderoso ca os proxectos profesionais de ambos, e a esperanza da súa nai Sasha por reface-la súa vida con Robert malia as dificultades obvias sen dúbida contribuíra a criar Anna coa fortaleza e confianza necesaria na sempre incerta sociedade estadounidense.

Abofé que a confianza e o amor que uniran Sasha e Robert en París fora maior ca o medo de Sasha a repetir feridas pretéritas. E así nacera tamén o amor de Anna por Matt, e tamén por iso saíran en roadtrip para transportar de Denver a Boston unha innovadora cabina. A diferencia da que atormentara José Luis López Vázquez en 1972, a cabina de Anna e Matt era unha cabina liberadora, manufacturada desde a confianza mutua e un xenuíno amor compartido.

O roadtrip de Anna e Matt de Denver a Boston e viceversa con parada en Custer non só me permitira coñece-la reconciliante aventura de Anna, senón tamén o seu sorriso interminable e o seu amor xeneroso e aberto; claros salvocondutos, todos eles, para unha vida de felicidade da que agardo saber máis mediado o mes de outubro, cando nos encontremos de novo na sempre emprendedora Denver.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA