A recuperación das estatuas do Pórtico "acabará no Supremo"

Así o cre o alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2018 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asegurou este xoves que o proceso para a recuperación das estatuas do Pórtico de Abraham e Isaac, en mans da familia Franco, será "longo" e aventurou que "acabará no Supremo".

Estatuas de Isaac e Abraham, obras do Mestre Mateo, en Santiago de Compostela
Estatuas de Isaac e Abraham, obras do Mestre Mateo, en Santiago de Compostela

Durante un acto en Lugo, o rexedor compostelán lembrou a demanda pola vía civil, "a primeira que se interpón en canto á reclamación patrimonial" de bens dos Franco, que se iniciará o luns en Madrid cunha vista preliminar.

"Nesa vista previa que se celebra o luns, o que queda por completar son os testemuños e as probas para a celebración do xuízo, que se espera antes de finais de ano", concretou.

O alcalde compostelán apelou a que desde o Concello "se demostrou documentalmente a propiedade das pezas con actas notariais, o facer un traballo documental que demostra o propio expediente de compra municipal e todos os informes". "O que esperamos é xustiza, esperamos que as pezas ao final dun proceso que se prevé longo e que acabe no Supremo, porque vai xerar xurisprudencia, as pezas poidan volver a Compostela para uso e goce dos veciños e dos visitantes", apostilou.

Noriega insistiu en que "o patrimonio público é público, non debe prescribir o delito de apropiarse de pezas que son do patrimonio público". "Cremos que temos a razón, temos a xustiza do noso lado e a documentación e agora só queda que os tribunais nos dean a razón", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta