O Sergas recoñece desabastecemento dun fármaco contra arritmias e a Agencia Española de Medicamentos négao

Un paciente denuncia ante o Servizo Galego de Saúde e a Valedora do Pobo que segue habendo problemas para adquirir Apocard, un fármaco de uso común para tratar arritmias e do que hai problemas de abastecemento desde xullo. O propio Sergas recoñece o problema, pero sorprendentemente a Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios dá por normalizado o subministro deste fármaco. A lista de medicamentos con problemas de subministración segue aumentando; xa son 400 os recoñecidos oficialmente polo organismo do Ministerio de Sanidade con problemas de abastecemento, mais non o Apocard.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/10/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

José Miguel Rodríguez Paz é un home de Oleiros, de 61 anos, usuario do Sergas que necesita Apocard, un fármaco de uso común para tratar arritmias. Desde xullo deste ano ten serios problemas para conseguir o medicamento, practicamente desaparecido das farmacias. Sen solución ao problema, e desesperado, presentou en setembro senllas reclamacións ante o Sergas e a Valedora do Pobo para esixir unha "explicación" a unha situación que considera "terceiromundista". Do Sergas non sabe nada; non lle responderon. Porén, a Valedora do Pobo contestoulle e aceptou a súa queixa a trámite, pois o seu caso "reúne os requisitos formais recollidos no artigo 18" desta institución, tal e como consta na contestación, con data 24 de setembro. Malia que a Valedora instou á Consellería de Sanidade a facilitar información do problema nun prazo de 15 días, José Miguel aínda non sabe nada. Segue desamparado e sen medicamento.

Medicamento Apocard.
Medicamento Apocard.

O problema non é nin individual nin puntual. Desde hai meses, en Galicia e no resto de España hai graves problemas de desabastecemento de medicamentos. Situación que se calcula que afecta a preto de medio millón de doentes. No caso do Apocard, José Miguel asegura que ten problemas para adquirilo desde xullo pasado. 

O Apocard é un dos fármacos máis utilizados para tratar pacientes con fibrilación auricular, a  arritmia cardíaca máis frecuente nos países occidentais. Segundo fontes médicas, entre o 30 e o 40% dos pacientes en España con esta doenza toma Apocard.

A Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios considera resolto o problema do abastecemento do Apocard de 100 miligramos, o cal é "totalmente falso", asegura José Miguel.

O 3 de agosto pasado, a Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios informaba de que a empresa Meda Pharma S.L. lle comunicara problemas de subministro deste fármaco, comercializado por esta compañía e que fabrica a firma estadounidense 3M. Con todo, tamén asegurara que abastecería o mercado de suficientes unidades para satisfacer a demanda. Mais a realidade di que non foi así. Dous meses despois, José Miguel segue tendo problemas para conseguir Apocard.

"Como medicamento que me controla as arritmias, situación que pode ter consecuencias graves, non podo deixar de tomalo", láiase este paciente, que asume que "non todos os medicamentos son iguais e algúns pódense cambiar por outros sen problemas", pero di que este non é o seu caso e o doutras patoloxías. "No seu momento, o meu cardiólogo advertiume sobre o consumo de xenéricos, de que non todos tiñan a mesma garantía de calidade e eficacia. E aínda por riba, se finalmente non atopase medicamento, tería que pedir cita ao  cardiólogo para que me receite outro alternativo, cita que non sei de cantos meses estamos a falar...", comenta a este xornal.

José Miguel quéixase tamén de falta de información: "Desde xullo, todos os meses dinme na farmacia que non hai o medicamento en toda Galicia. Atopeime cun problema de golpe sen recibir ningún tipo de información por parte da Administración sanitaria". É por isto que, aproveitando unha viaxe a Extremadura no verán, conseguiu paliar a carencia nunha farmacia daquela comunidade, ante os atrancos atopados en Galicia.

E o problema persiste: "A día de hoxe, coméntanme nas farmacias que seguen os problemas de desabastecemento. Tamén a día de hoxe, as autoridades sanitarias non comunicaron nada respecto diso, nin pediron explicacións aos laboratorios por esta situación. Este problema aféctanos a case 500.000 usuarias e usuarios en todo o Estado español, pero tamén hai outros medicamentos que están a sufrir o mesmo problema. O problema é moito maior. Está a especularse coa medicación da cidadanía", denuncia José Miguel.

O Sergas recoñece "a lentitude do reabastecemento" e que "se deu aviso do reabastecemento defectuoso á Agencia Española de Medicamentos".

MENTE A AGENCIA ESPAÑOLA DE MEDICAMENTOS?  

Actualmente, a Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios considera resolto o problema do abastecemento do Apocard de 100 miligramos, o cal é "totalmente falso", como ben sabe de primeira man José Miguel.

"Na páxina web da axencia dise que o problema de subministración deste medicamento está resolto, o cal é falso. Cando acudo a algunha farmacia que non é a do meu barrio, dinme  tallantemente que non hai e que o problema segue vixente. Teño que acudir á farmacia do meu barrio para pedirlles por favor que me garden unha caixa", expón este doente.

O propio Servizo Galego de Saúde (Sergas) recoñece a este xornal que o problema existe. Inquiridos por casos como o de José Miguel, desde a Consellería de Sanidade admiten a Galicia Confidencial que existe "lentitude do reabastecemento" e trasladan a "responsabilidade" dos "desabastecementos" á Agencia Española de Medicamentos, "que é a que notifica e xestiona estas situacións", aclaran.

En todo caso, o Servizo Galego de Saúde di que adoptou "varias medidas ante a situación de desabastecementos respecto ao Apocard ao longo do ano". Así, relatan que "se realizou unha monitorización das existencias do medicamento nos almacéns de distribución de Galicia". E como resultado deste seguimiento, e "tras comprobar a lentitude do reabastecemento", aseguran que se contactou coa Agencia Española para "comunicar (vía telefónica e via eRoom) esta situación e que a Axencia contactase co laboratorio e acelerase o proceso, co fin de cubrir as nosas necesidades de consumo reais", explican desde a Consellería.

Así mesmo, afirman que "se deu aviso do reabastecemento defectuoso á Agencia Española para que, se o considera necesario, inicie as actuacións sancionadoras que crea necesarias".

Malia contactar coa Agencia Española de Medicamentos, esta decidiu o silencio como resposta a Galicia Confidencial.

Mente ou maquilla a realidade, por tanto, a Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios cando na súa páxina web dá por normalizada a situación do Apocard? Segundo o paciente José Miguel Rodríguez, e baseándonos nas afirmacións do Sergas, así sería.

Galicia Confidencial contactou con esta axencia, dependente do Ministerio de Sanidad, mais a diferenza da Consellería galega, non recibimos resposta algunha ao respecto do organismo estatal.

QUE INTERESES HAI DETRÁS?

José Miguel séntese desamparado. É por isto polo que decidiu acudir a un xornal, para facer pública a súa denuncia e os graves problemas que sofren milleiros de pacientes polos problemas de abastecemento de certos fármacos.

"O que quero denunciar con todo isto é que os laboratorios e as distribuidoras están a xogar coa saúde da cidadanía. Un xogo que para moitas patoloxías pode carrexar serios problemas. E non se está facendo nada, agás anotar nunha web as carencias existentes", expón.

Unha das súas principais queixas refírese á falta de información e de reacción das administracións e organismos competentes. "Ningún goberno ou institución dixo nada respecto diso ata agora, nin lle esixiron explicacións e responsabilidades a estas empresas", lamenta.

O propio Sergas enviou o 16 de setembro este comunicado aos profesionais da Sanidade galega sobre a problemática do medicamento Apocard:

“Meda Pharma comunicou que a semana pasada distribuíron suficientes unidades da presentación de 60 comprimidos para cubrir case 15 días de subministración, as cales serán recibidas ao longo desta semana por parte das entidades de distribución. Ademais, comunicou que está a monitorar a distribución de  Aporcard 100 mg comprimidos para evitar que os almacenistas que primeiro piden leven todo o stock dispoñible, ou gran parte e outros almacenistas (e por extensión, outras zonas xeográficas) queden sen stock. Agora mesmo dispoñen de stock da presentación de 30 e 60 comprimidos (ao redor de 18 días para a presentación de 30 e 10 días para a de 60 comp.), e prevén recibir antes do próximo 10 de outubro unidades da presentación de 60 comprimidos e durante a segunda quincena de outubro máis unidades da presentación de 30 comprimidos. Solicitáronse ao laboratorio os datos de distribución, os cales están dispoñibles para quen os precise.”

Un texto que, segundo José Miguel, "aclara o descontrol na distribución de medicamentos". De feito, asegura ter falado con profesionais da sanidade que, di, "na súa maioría" lle comentaron que "os motivos principais" destes problemas de abastecemento "adoitan ser que ou ben a Administración non fai os pagamentos acordados no seu momento, ou que certos medicamentos son máis rendibles noutros países, provocando desabastecemento noutros ou movementos especulativos das distribuidoras, provocando desabastecemento en certas zonas do Estado español".

É aquí onde adquire sentido a solicitude do Sergas á Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios para que, se é oportuno, "inicie as actuacións sancionadoras que crea necesarias" contras as empresas farmacéuticas responsables.

Actualmente, a Agencia Española de Medicamentos ten activada unha lista de 400 medicamentos con problemas de subministración, 20 máis que en xullo.

Pero moi afastados dos trámites administrativos, das relacións intergobernamentais e dos organismos públicos coas empresas privadas, os cidadáns atópanse indefensos e desinformados. E algúns, fartos, como José Miguel, quen prosegue na súa denuncia: "Esixo como cidadán que pago os meus impostos unha explicación a esta situación terceiromundista, na que se permite que uns laboratorios produzan desabastecemento de medicamentos vitais con escusas peregrinas, e poñan en perigo a vida de centos de miles de cidadáns sen ter consecuencias. No caso concreto do Apocard, no seu momento esgotáronse todas as existencias, incluídos os xenéricos. Descoñezo que consecuencias puido ter para moitas e moitos pacientes. Quédanos claro con isto, unha vez máis, que a consecución de beneficios no sector privado está por enriba da saúde e a seguridade da cidadanía. Algo que nos debe facer reflexionar a todas e todos, e loitar para conseguir unha sanidade 100% pública".

No seu afán por resolver o problema, este home solicita aos "grupos parlamentarios comprometidos cunha sanidade 100% pública" que "fagan todo o posible para pedir explicacións aos laboratorios e distribuidoras a través das administracións competentes, e que se estableza un réxime de sancións, ou garantir cando menos, a través de medios de  púbicos, a produción de calquera medicamento vital".

Actualmente, a Agencia Española de Medicamentos ten activada unha lista de 400 medicamentos con problemas de subministración, entres os que non se atopa o Apocard. En xullo pasado había 380 fármacos na lista. É dicir, o problema agrándase.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta