Existe unha Igrexa galega? O catolicismo en Galicia despois do Papa Francisco

A Igrexa Católica en Galicia reflicte no seu seo as diferentes vías de pensamento maioritarias no catolicismo. Correntes denominadas “conservadoras”, moderadas e aperturistas. Isto afecta á Igrexa en Galicia de tal maneira que, á parte da falta de vocacións que poidan cubrir a falta de sacerdotes nas dióceses, hai unha gran desafección cara a fe mais tamén para algunhas persoas cristianas de base “este é un momento marabilloso para un maior achegamento entre a comunidade que conforma a base da fe católica

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os anos 60 e 70 viron nacer un movemento dentro da Igrexa católica en Galicia que reivindicaba unha igrexa galega con identidade propia que reflectise a identidade galega como país. Este movemento creou romaxes, plataformas de pensamento (Irimia, Encrucillada) e durante as dúas décadas seguintes (1980 e 1990) foron movementos con presenza e capaces de ofreceren unha pegada diferente polo menos á eucaristía: misas en galego. A día de hoxe, parte daquelas persoas implicadas na definición dunha igrexa galega, observan a aparición dunhas novas xeracións de curas novos cunhas perspectivas e visións moito máis conservadoras ou inmobilistas. E todo isto cando as vocacións diminúen, tanto que agora mesmo as dióceses de Santiago, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo, por exemplo, reúnen os seus seminaristas nun seminario interdiocesano. Doutra parte, hai quen pensa que estamos nun momento histórico máis da Igrexa e que a evolución da mesma cos tempos irá dando máis ou menos presenza á fe católica. Consideran que é o momento das comunidades, das relacións interparroquiais cos curas párrocos como os guías das comunidades de crentes.

Igrexa católica, misa, relixión, templo. EUROPA PRESS - Arquivo
Igrexa católica, misa, relixión, templo. EUROPA PRESS - Arquivo

EXISTE UNHA IGREXA GALEGA?
Que sería unha igrexa galega? “Unha igrexa que recoñeza que o pobo galego ten unha identidade e unha cultura propias” e tome este feito como elemento básico para unila co pobo galego. Isto comezou nos últimos anos do franquismo consolidándose por dúas décadas até que a situación chegou a ser “precaria”. “Unha igrexa galega depende dunha base popular” defende o teólogo Victorino Pérez Prieto. A día de hoxe, a base popular que podería sustentar a idea formulada “é máis pobre que nunca”.

Este retroceso pola base estaría explicado en boa parte polo retroceso no número de falantes, pois o idioma “é a base da identidade galega”. Non se trata, como di Pérez Prieto, “desa teima que nos atribúen: sempre estades co galego! É unha teima pola identidade, pola tradición escrita e cultural en galego que é abundante”. Se o uso do galego retrocede nas igrexas é porque a realidade social acaba reflectíndose tamén na liturxia. Ademais, se o galego non ten presenza na eucaristía “é porque ninguén o reclama”.

Relacionado con isto último, Victorino Pérez (quen con outras persoas estivo detrás de 'Irimia. Revista de crentes galegos' e 'Encrucillada') observa que gran parte da oposición a galeguizar a Igrexa procede dos curas máis novos. Algúns patróns de comportamento nese sentido estaría na adopción da sotana por parte de curas máis novos ou do traxe con cleriman na camisa. Ambos os dous elementos tiñan escasa presenza hai só vinte anos. A conclusión agora mesmo é que se non hia clero novo que reivindique unha igrexa galega e sen unha base que os apoie, a igrexa galega non ten trazas de configurarse.

A 'FACHOSFERA' DA IGREXA
O mesmo Pérez Prieto denunciaba a existencia dunha “fachosfera” dentro da Igrexa católica que vai ligada aos ventos que percorren Europa, parafraseando a Marx (“un fantasma percorre Europa”). Son os poderosos ventos do conservadurismo ou do neofascismo materializado en grupos como Vox, políticos como Meloni ou Orban e en posturas moi conservadoras en partes da Igrexa como acontece en Francia onde se está a impoñer asistir á eucaristía vestidos ao xeito pre-Concilio Vaticano II.

O Papa Francisco, nunha imaxe de arquivo.. CABILDO CATEDRAL DE SEVILLA
O Papa Francisco, nunha imaxe de arquivo.. CABILDO CATEDRAL DE SEVILLA

A tensión entre posturas virá no cónclave que elixa o novo Papa. Pérez Prieto lembra que Francisco nomeou un alto número de cardeais durante o seu papado mais os purpurados conservadores e máis reaccionarios son moi poderosos (un exemplo, os cardeais de EEUU cun forte apoio económico). En tal caso, a manobra de Francisco respondía a unha necesidade de calmar ánimos pois xa non eran dúas faccións senón tres as que estaban representadas en Roma. A conservadora, a máis moderada representada por Francisco e unha terceira vía (sobre todo alemana) que reclamaba unha apertura moito maior da Igrexa (houbera rumores de separación).

Todo isto como afecta a Galicia? As posturas “reaccionarias” sempre reclamaron unha “España unida” fronte aos diferentes nacionalismos ou posturas identitarias. De aí que as posturas anti-galego veñan de xente máis nova que, sexa certo ou non, están moi influídos polas mensaxes sesgadas e retrógradas que emiten moitas redes sociais ao mesmo tempo que conforman ese “vento que percorre Europa”. O culmen desta “fachosfera” en España foi a aparición de “Sede Vacante”, grupo de curas novos (varios deles) que mesmo rezaron pola morte de Francisco.

HAI OPORTUNIDADE PARA UNHA RENOVACIÓN?
O ano pasado creábase o Seminario Interdiocesano en Santiago para a formación de seminaristas de tres dióceses xa nomeadas. A raíz estaba na falta de vocacións sacerdotais que se traduce na asunción dun número moi amplo de parroquias. Nestes momentos, por exemplo, a diócesde Mondoñedo-Ferrol ten seis seminaristas. Ante esta falta de vocacións e o incremento do traballo pastoral, Juan Basoa, formador no Seminario Interdiocesano e sacerdote na Unidade Pastoral de Vilalba, sinala que a atención dentro desta unidade pastoral faise mediante a axuda de relixiosas e seglares.

Nuria Núñez, profesora de relixión e catequista, apunta que agora mesmo ante a falta de vocacións e o elevado número de parroquias para atender, é un bo momento para abrirse ás comunidades interparroquiais, que a Igrexa se abra máis ás comunidades porque “a Igrexa é unha comunidade”. Sobre esa falta de vocacións para o sacerdocio, Núñez ve que “estamos diante dun paso máis na Historia da Igrexa” e que é un bo momento para repensar o modelo eclesiástico.

É o celibato o principal elemento que frea o número de vocacións? “Non é ningún problema”, apunta Basoa. Segundo o formador do Interdiocesano, outras igrexas onde si se permite o matrimonio de sacerdotes, o número de vocacións tamén diminúe (anglicanos ou luteranos). A percepción sobre este punto é basicamente, a falta de trascendencia, de diálogo con Deus, sobre todo nun mundo excesivamente materialista que quere vivir o máis inmediato, unha sociedade consumista.

Unha 'igrexa galega' é posible mais fai falta unha base popular que a sosteña e, a día de hoxe, as correntes políticas de extrema dereita que percorren Europa están influíndo tamén na actitude dalgúns sectores na Igrexa católica. Por outra parte, se ben a falta de vocacións é un problema que recoñecen desde hai décadas todas as dióceses europeas, a resposta dalgúns fieis é a necesidade de abrir as xanelas á comunidade de cristiáns para que formen parte, dentro dun marco concreto, das celebracións eucarísticas.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta