Poderanse rehabilitar todos os inmobles sen informe previo de Patrimonio salvo os máis protexidos

O goberno galego pretende facer unha formulación racional do interior do edificio e elimínanse as trabas ao uso de determinados materiais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2018 | Actualizada ás 17:41

Comparte esta noticia

A futura lei galega de rehabilitación liberará do informe previo da Dirección Xeral de Patrimonio a todas as rehabilitacións que se realicen en núcleos urbanos, rurais e na contorna dos Camiños de Santiago salvo no caso de que os inmobles en cuestión estean catalogados con protección integral ou sexan Ben de Interese Cultural (BIC).

Reunión do Consello da Xunta. XUNTA
Reunión do Consello da Xunta. XUNTA | Fonte: Europa Press

Coa excepción destes dous tipos de edificios que conten con máxima proteccción patrimonial, o resto de rehabilitacións poderán porse en marcha só con licenza directa do concello. Segundo os cálculos da Xunta, entre 3.000 e 3.500 expedientes de rehabilitación cada ano poderían quedar libres, coa nova norma, do informe previo de Patrimonio.

Ademais, co obxectivo non só de "diminuír a tramitación" senón tamén de facer "unha formulación racional" do interior do edificio, elimínanse as trabas relativas ao uso de determinados materiais e, sempre que se cinga ao interior e non afecte á fachada, poderanse utilizar aqueles que decida o cidadán.

Entre as novidades da norma tamén se tipifica "de forma explícita" a infracción por "grafiti ou pintada", así como outros actos vandálicos que poidan causar dano aos edificios protexidos. No caso dos grafitis, enténdese que a infracción pode ir de leve a grave, o que implicaría multas de entre 6.000 e 150.000 euros. Iso si, a multa por unha accción que cause un dano irreparable ou a destrución do ben podería chegar ao millón de euros.

Os detalles deste texto explicounos o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que analizou o anteproxecto da lei que será remitido ao Consello Económico e Social (CES). O seguinte paso é enviar a norma ao Pazo do Hórreo, para a súa tramitación parlamentaria.

"Démoslle unha volta á lei para axilizar a rehabilitación e a recuperación de centros históricos ou núcleos e Patrimonio terá que informar entre un 30 e un 40 por cento menos de expedientes", esgrimiu o presidente galego, quen incidiu en que é necesario impulsar esta práctica e garantir que se conservan os edificios.

A norma, segundo ratificou Feijóo, tamén mantén a premisa de que a Administración poderá expropiar ou cobrar un canon a propietarios de edificacións en estado ruinoso e nas que se incumpra a obrigación de rehabilitar. A taxa será anual e corresponderase co 0,4 ó 0,6 por cento do valor catastral do inmoble.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta