Sofía e Martín, os nomes de moda en Galicia; ningún de orixe galega entre os máis elixidos

Aumenta o número de recén nados con nomes galegos, pero seguen nos últimos postos

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/11/2018 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

Sofía e Martín foron os nomes máis frecuentes das nenas e nenos que naceron en Galicia durante o ano 2017, segundo reflicte a 'Estatística de nomes dos neonatos galegos' que publicou o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Un carriño de bebé. Europa Press - Archivo
Un carriño de bebé. Europa Press - Archivo

En ambos os casos, tanto Sofía como Martín repiten como o nome máis habitual, xa que durante o ano 2016 xa se situaron no primeiro posto. O mesmo sucede con Noa, o segundo nome máis frecuente entre as nenas galegas. En cambio, nos nenos recén nados, Lucas substitúe en 2017 a Mateo como o segundo máis común.

Por orde, na lista de nomes de mulleres, a Sofía e Noa, séguenlle Daniela, Martina, Sara, Lucía, Alba, Carla, Lara e Vera. A diferenza de 2016, Sara baixa do terceiro posto ao quinto e Alba do quinto ao sétimo. Tamén saen do primeiros dez nomes máis comúns Valeria e Carmen, que si figuraban o ano anterior, e entre o 1 e o 20, desaparecen Lía e María.

En canto aos nomes masculinos, a estatística mostra que os dez máis frecuentes son Martín, Lucas, Mateo, Hugo, Leo, Enzo, Daniel, Pablo, Manuel e Izan. En comparación con 2016, constátase que Pablo desaparece dos cinco primeiros postos, substituído por Leo. Con respecto a 2007, o único nome que coincide é Hugo, o cuarto máis habitual.

AUMENTO DE NOMES GALEGOS

Por outra banda, se se amplía a mostra e se teñen en conta os 20 primeiros nomes, destaca o aumento no emprego de nomes galegos, aínda que aparecen nos últimos postos.

No caso das nenas, o primeiro nome galego sitúase no posto 16, con Uxía. Se en 2016 só aparecían Uxía e Antía, en 2017 tamén se coan na lista Antía, Iria e Sabela.

En canto aos homes, o primeiro nome en galego é Brais, no número 17, seguido de Antón, que substitúe a Anxo que aparecía en 2016, e seguido de Iago.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Todo é castelán

Como se Sofía ou Lucas non fosen nomes galegos. Que coincidan co castelán non os fan menos galegos. A non ser que consideremos a Sofía grego (pero e logo Uxía non o é tamén) e Lucas hebreo (coma o tan galego Xaime)