Soñar unha Galicia mellor

Acudimos á Pobra de Trives á celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística. A convocatoria, feita pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e o concello de Pobra de Trives,e a colaboración estimable de Reme Martínez, xuntou ben xente nun acto no que participaron o Orfeón Trivés e a Banda de Gaitas os Trintas. A profesora Ana García leu un poema escrito para a ocasión por Raquel Pérez, e o empresario Benigno Pereira fixo outro tanto lendo un poema de Manuel Luís Acuña.

Por Xosé Glez. | | 08/11/2018

Comparte esta noticia

O escritor e académico Xosé L. Franco Grande  chamou aos presentes ao compromiso coa defensa da galeguidade, que todos secundaron coa sinatura da Acta de Vontades. O profesor Xosé Manuel Cid leu a súa manda testamentaria editada no libro “En galego,agora e sempre” repartíndose exemplares da publicación aos asistentes.

Rematado o acto tivemos ocasión de aproveitar a fin de semana convidados polo empresario Manuel Rial, propietario do Pazo da Pena de Manzaneda, dedicado á turismo rural; unha construción do século XVIII fermosamente rehabilitada e na que a lingua galega está omnipresente.

Mentres visitábamos as estancias do pazo viñan ao noso maxín as vicisitudes que tollen o desenvolvemento económico do rural galego. Domingos Diéguez,  o alcalde do Concello, confesounos a súa preocupación pola desertización do noso agro e concellos da montaña. Hoxe o 82% da poboación en Galicia vive no 17% do territorio; o resto é un ermo habitado por vellos que xa non traballan a terra. A desfeita é de tal envergadura que máis dun milleiro de granxas de leite pecharon, perdendo o lácteo galego máis do 40% de explotacións durante a última décadas, con case 6.000 instalacións abandonadas.

Neste contexto de crise estrutural do sector primario hai iniciativas que intentan remontala con propostas que apostan polo aproveitamento dos recursos naturais. Isto é o que fai, por citarmos un caso, Amarelante Sociedade Cooperativa, un proxecto de recuperación de soutos en estado de abandono para a produción de castaña de calidade e fariña elaborada a partir do produto.
Benigno Pereira, o propietario de Queixos Bama, a maior empresa de produtos lácteos de Galicia, tamén aposta por reactivar a economía triveña desde o Pazo de A Corga, cunha explotación de 32 hectáreas, con 2.500 castiñeiros  e  unha plantación de vides das que sae un viño excelente embotellado e etiquetado en galego co nome do pazo. Unha explotación agraria circundada pola Vía XVIII, que unía Braga con Astorga, que constitúe unha verea verde cobidaza polos amantes da natureza. Camiñando por ela chegamos ás ruinas dun muiño movido polas augas do rio Cabalar onde José Salgado puxera en marcha unha fábrica de chocolates -Chocolates Fénix- marca que agora os seus bisnetos explotan en Buenos Aires, onde emigrara o seu avó.

Temos insistido máis dunha vez na idea de que  os concellos do interior de Galicia deberían celebrar semanas monográficas dedicadas aproximar aos consumidores das grandes urbes os produtos elaborados por moitas iniciativas que aínda malviven do rural galego. Ao tempo, eses escenarios serían o marco axeitado para daren a coñecer as bondades das paisaxes galegas e fomentar o turismo rural co coñecemento do País.

O Foro Peinador vén facendo fincapé na necesaria complicidade dos consumidores e onsumidoras cos produtos elaborados por moitos emprendedores que poden fracasar no seu intento de crearen estruturas económicas que fixen poboación nesas terras castigadas pola falta dunha política institucional poñendo dese modo á desfeita.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA