Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/11/2018 | Actualizada ás 16:14
A Xunta activou a alerta laranxa a partir da noite deste xoves e para o venres por motivo da borrasca 'Beatriz', que afectará as provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo por temporal costeiro, vento e choiva.
Deste xeito, a Consellería de Educación suspende este venres a partir das 12,00 horas as actividades no exterior dos centros educativos. Será un día lectivo en todos os centros, aínda que os directores poderán adoptar as decisións oportunas se existe un risco declarado.
Ademais, debido ao temporal costeiro suspéndense actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas consideradas máis perigosas.
A partir desta noite do xoves espérase mar combinada con ondas que poderán superar o seis metros e vento en mar de forza 7-8, que afectará ao oeste da provincia da Coruña.
A partir das 9,00 horas deste venres actívase a alerta laranxa por fortes choivas no oeste da provincia da Coruña, Rías Baixas e o interior de Pontevedra.
Así mesmo, a partir das 12,00 horas do venres espéranse fortes ventos, de máis de 100 quilómetros por hora, na Mariña e o noroeste da Coruña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.