Ecoloxistas critican que non se limite o número de visitantes nas dunas de Corrubedo

A asociación Verdegaia vén de presentar alegacións ao PRUX deste parque natural, porque entende que "non garante a súa protección" e mesmo deixa oco para actividades mineiras dentro da zona de uso xeral. Solicitan a súa revisión e a súa adecuación ao Plan de Ordenación de Recursos Naturais correspondente.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/11/2018 | Actualizada ás 12:39

Comparte esta noticia

A asociación ecoloxista Verdegaia presentou alegacións ao Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do parque natural de Corrubedo. Consideran que é "un documento ambiguo que non garante a protección do parque e non establece medidas concretas para os obxectivos que di perseguir". Critican, ademais, a ausencia dun número límite de visitantes a un parque "que sofre unha presión cada vez maior" e a posibilidade de que haxa actividades mineiras nunha das áreas do parque. Solicitan, polo tanto, unha nova redacción do PRUX que se axeite ás necesidades do espazo.

Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán | Parques Naturais de Galicia
Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán | Parques Naturais de Galicia

A finais do mes de setembro, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural someteu a información pública o proxecto do Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. Foi unha medida que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio aplicou tamén a outros parques naturais de Galicia co fin de "actualizar" a xestión destes espazos. 

O PRUX de Corrubedo, polo cal Verdegaia di levar agardando máis de 26 anos, enmarcaríase dentro do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) do Parque. Esoutro documento "é moito máis conciso, pero senta as bases para determinar os usos que se lle poden dar ao Parque nas distintas zonas do mesmo segundo as necesidades de protección e de como se debe xestionar", explican dende a citada asociación ecoloxista. Engaden que "estas decisións deberían concretarse en plans quinquenais mediante os correspondentes PRUX", mais lamentan que "ata o de agora, nada diso aconteceu debido ao desleixo da Administración". 

Ao parecer, o PORN establecía catro zonas con distintos graos de protección: área litoral, duna móbil, lagoas e zona perimetral. No canto diso, o PRUX designa só tres zonas de protección diferentes: de uso limitado, compatible e xeral. Nesta última permítense actividades de "dubidosa inclusión nun espazo protexido, incluso actividades mineiras", critican os ecoloxistas de Verdegaia.  Entenden que o establecemento desta zona de uso xeral vai en contra do Plan Director da Rede Natura 2000, que establece só como área de conservación de uso moderado a zona perimetral, deixando o resto do Parque como área de protección de uso restrinxido. Como consecuencia, Verdegaia pediu nas súas alegacións a eliminación das instalacións dunha canteira que se atopa dentro da superficie do parque.

"Os parques naturais non son, como parece pensar a Administración, parques temáticos para atraer o turismo", asevera a asociación. Por este motivo, ven necesario que o PRUX estableza medidas para limitar o número de persoas que acceden á praia, estipulando unha carga máxima de acordo a criterios científicos". Aluden á crecente cifra de persoas que se achegan pola zona cada ano. 

O documento publicado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural é, a ollos de Verdegaia, "absolutamente indefinido". Aseguran que, segundo a redacción do documento, lle está dando a potestade a Patrimonio Natural para facer calquera cousa que pretenda no que respecta ao parque.

PROPOSTAS DE MELLORA

Atendendo á "presión urbanística e turística" que sofre este parque natural, así como á súa certa desconexión doutros espazos costeiros da Rede Natura, Verdegaia suxire pór o foco sobre o espazo e desenvolver medidas axeitadas que protexan realmente o complexo dunar. Falan, por exemplo, da necesidade de ampliar o parque cara outras zonas máis antropizadas e de protexer os corredores ecolóxicos naturais xa existentes nos cursos de auga que chegan ao parque e na vexetación de Ribeira.

A maiores, tendo en conta que está rodeado de estradas, propoñen crear novos corredores naturais nestas vías para "facilitar os fluxos biolóxicos entre o parque e a súa contorna", á parte de regular a intensidade e velocidade máxima do tráfico de vehículos. 

SOBRE O PARQUE

O complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán é un parque natural galego que ampara o sistema dunar, as marismas e as lagoas da costa da península do Barbanza, en Ribeira, entre a ría de Arousa e a de Muros e Noia. Trátase dun espazo natural declarado zona especial de conservación (ZEC), ademais de zona de especial protección para as aves (ZEPA), zona húmida protexida galega e zona húmida de importancia internacional Ramsar. Así mesmo, malia contar cunha ampla biodiversidade, é o parque natural máis pequeno de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta