Fin de semana no Ribeiro para “atacar a invasión de mimosas”

Verdegaia convoca unha nova brigada deseucaliptizadora este sábado en Cenlle nunha zona que está en estado de abandono desde a década dos 70.

Por Galicia Confidencial | Ribeiro | 14/11/2018 | Actualizada ás 12:33

Comparte esta noticia

As Brigadas deseucaliptizadoras bótanse novamente ao monte na aldea de Lentille, no concello de Cenlle (Ribeiro) para “atacar a invasión de mimosa” (Acacia dealbata) que sofre esta comarca.

A acacia rebrota nun monte queimado
A acacia rebrota nun monte queimado | Fonte: wikipedia

Con esta nova convocatoria continuaranse os traballos iniciados pola Brigada do pasado mes de maio nunha zona que levaba en estado de abandono desde a década de 1970. Os actuais propietarios pretenden recuperar os valores naturais da mesma así como os canais e pozos de rego antigos, coa súa biodiversidade asociada. 

Verdegaia destaca que a intervención manual terá como obxectivo eliminar os pés de acacia mantendo as árbores autóctonas que conseguiron sobrevivir (carballos, érvedos, etc.). Con todo, avanza que este mesmo inverno, lanzarase unha nova brigada na zona para introducir froiteiras bravas.

Ao igual que nas anteriores Brigadas, para participar nesta acción é imprescindíbel en primeiro lugar a inscrición como Brigadista no proxecto, o que se pode facer por medio do formulario, e ademais de indicar o compromiso expreso de acudir á convocatoria do 17 de novembro, enviando un correo a brigadas@verdegaia.org.  O límite de persoas participantes fíxase en 30 para facilitar os traballos de modo que se irán cubrindo por orde de inscrición.

Os traballos comezarán ás 10 da mañá, e pararemos para o albaroque por volta das 14:00, regado cos excelentes viños e licores do Ribeiro aos que nos ten (mal) acostumadas a Brigada da comarca. A roga non se suspenderá en caso de chuvia, polo que vinde preparadas por se fai mal tempo”, indica a organización ecoloxista nun comunicado. Xa pola tarde haberá foliada e, se a climatoloxía o permite, un novo roteiro descubrindo os tesouros patrimoniais da contorna.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta