Tres precandidatos caen das primarias locais de Podemos Galicia por non ter apoio suficiente

En sete concellos non se producirán votacións por haber tan só un candidato. Por outra banda, a dirección galega do partido desestima a reclamación de inscritos de Ames e permite a Eusebio Ónega concorrer ao proceso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2018 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

Tres dos 18 precandidatos ás primarias locais de Podemos Galicia non reuniron os avais necesarios para concorrer ao proceso interno. Quedan fóra desta carreira David Parra Jodar, que se presentaba en Santiago; Félix Otegui, que o facía en Vigo; e Uxío López, na Coruña. Así o informou a dirección galega na mañá deste venres 16.

Candidatura de Antón Gómez-Reino para liderar Podemos Galicia. +PODEMOS
Candidatura de Antón Gómez-Reino para liderar Podemos Galicia. +PODEMOS

Un total de 15 persoas concorren ao proceso interno co que Podemos Galicia escollerá secretarios locais en once municipios galegos. En sete deles non chegará a producirse votación, xa que só se presenta unha persona, ben por tratarse dun candidato de consenso ou por ser a única en reunir os avais necesarios. 

Por tanto, o exsenador de En Marea José García Buitrón -afín ao secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino- será elixido secretario local da cidade herculina ao tratarse do único candidato en liza.

Pola súa banda, tanto en Santiago como en Vigo si que se producirán votacións. Na capital galega mediranse David Domenech -da corrente errejonista en Galicia- e Álex Botello -afín á deputada de En Marea e membro da executiva de Podemos Galicia, Luca Chao-. Ambas candidaturas trataron de lograr un acordo para configurar unha lista de unidade pero as negociacións non frutificaron.

Os inscritos da cidade olívica deberán escoller entre Xaquín Pastoriza e Pablo Orge. O primeiro goza do respaldo da cúpula galega, mentres o segundo pertence ao círculo do que fora secretario de Organización coa anterior dirección do partido galego, Juan Merlo.

Tamén haberá votacións no círculo de Sanxenxo (Pontevedra), por existir dous candidatos. Nesta localidade preséntanse Antonio Manuel Villanueva e María del Carmen Camiña. O mesmo sucede en Ames (A Coruña), onde concorren Manuel Pardo e Eusebio Ónega.

REXEITADA A RECLAMACIÓN CONTRA ÓNEGA

Respecto deste último, segundo fontes consultadas por Europa Press, a dirección de Podemos Galicia desestimou a reclamación presentada por inscritos de Ames que reclamaban que Eusebio Ónega fose apartado do proceso interno debido á súa condena por ameazar a varias persoas nunha asemblea celebrada no ano 2016.

Así as cousas, en sete das once localidades nas que o partido morado convoca procesos internos non chegará a haber votacións e os únicos candidatos en liza serán proclamados o día 27 de novembro, día en que conclúen os comicios.

É o caso de Ferrol con Borja San Ramón -membro da executiva e próximo a Gómez-Reino-, Pontevedra con José Ramón Otero -que ostentaba a portavocía do círculo pontevedrés- ou Lugo con José Manuel Pérez Afonso -tamén pertencente á dirección galega-.

Alfonso Víctor Ferreiro será proclamado secretario do círculo de Ourense e Manuel Lado en Gondomar. Por último, no municipio lucense de Sarria será secretaria local Paula Santiago, a única muller xunto a María del Carmen Camiña en Sanxenxo, que se presentou ao proceso en toda Galicia.

As votacións desenvolveranse, a través dun sistema telemático, entre o 20 e o 25 do presente mes de novembro. Dous días máis tarde, o xoves 27, daranse a coñecer os resultados após ser aplicados os mecanismos antifraude cos que procede Podemos no seu proceso internos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta