IV asamblea da Irmandade Xurídica Galega

Hai catro anos que a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística creou a Irmandade Xurídica Galega.

Por Xosé Glez. | Redondela | 12/06/2011

Comparte esta noticia

Unha sección integrada por profesionais do Dereito e da Administración de Xustiza. Desde entón fóronse integrando nela un número considerable de maxistrados, xuíces, fiscais, avogados, procuradores e funcionarios xudiciais de tódolos niveis.

O fomento do uso da lingua galega nas instancias xudiciais e despachos profesionais constituén o obxectivo fundamental da Irmandade. Os resultados acadados falan de seu: máis de cen profesionais da xudicatura militan nesta entidade asociativa; a súa incorporación  formalízase cada ano nun acto público revestido de  coidada liturxia: impónselles a toga da galeguidade e insignia irmandiña a tódolos candidatos  a formaren parte dela previa  lectura dunha fórmula de promesa de futuro de realizaren  as súas actividades profesionais en lingua galega.

Pero amais desta incorporación activa ao proceso de normalización lingüística nos usos xurídicos, a Irmandade Xurídica Galega tamén recupera a memoria da nosa tradición xurídica. Sebastián Martínez-Risco, maxistrado e avogado prestixioso, que desempeñou a presidencia da Real Academia Galega durante moitos anos; Ramón Carballal Pernas, maxistrado da Audiencia Territorial da Coruña, activo promotor da actualización do dereito consuetudinario galego; Pedro González López, inspirador e organizador do primeiro congreso do Dereito galego celebrado en Lugo en 1972; Daniel García Ramos, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a quen moitos lembramos estimulando o uso do noso idioma nas instancias xudiciais;  Claudio Movilla, o maxistrado que dictou a primeira sentenza en lingua galega en 1984, despois de tantos séculos de marxinación; Orencio Pérez González, xuíz de fonda emoción galeguista, e moitos outros, defensores do noso patrimonio cultural. Velaí están Amadeo Varela, en Ourense, e Roberto González Pastoriza en Vigo, aos que nos próximos meses se lles renderá xusta e merecida homenaxe, como exemplos para as novas fornadas de profesionais descoñecedoras dunha tradición xurídica galeguista, porque nas facultades de Dereito non se divulga.

A IV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega celebrarase este ano en Pontevedra o día 2 de xullo. O salón de plenos da Deputación Provincial será o escenario no que se desenvolverá o acto no que ingresarán vintecinco novos irmandiños (xuíces, fiscais, avogados… e funcionarios xudiciais). Nesta nova convocatoria o xurista homenaxeado será don Fermín Bouza Brey, que fora maxistrado da Audiencia Provincial de Pontevedra na década dos anos cincuenta do pasado século. Un monumento do escultor José Molares, e unha biografía inédita do escritor Clodio González Pérez servirán para perpetuar a súa memoria grazas aos patrocinios da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Deputación Provincial e Concello de Pontevedra. No mesmo acto imporáselle a medalla de ouro da Irmandade a don Santiago Torres Bernárdez, xuíz da Corte Internacional de Xustiza, fillo dun vigués represaliado polo franquismo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA