Á procura do misticismo perdido

Aínda en Dakota do Sur, esta duodécima exploración emocional de Gabriel Rei-Doval adéntrase na procura do misticismo norteamericano.

Por Gabriel Rei-Doval | Hill City (South Dakota, USA) | 19/11/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Saciado o interese polo Cosmos, a miña avidez cartográfica levoume a outro enclave non menos imprescindible no percorrido por Dakota do Sur: Mystic. Porque, se hai quen deu reviravoltas diversas en torno ó casticismo español, como podía eu obvia-la esencia do misticismo norteamericano. A fin de contas, só hai dous topónimos Mystic nos Estados Unidos e, lonxe do existente en Connecticut onda o homónimo río, o tempo de visita-lo enclave máis místico na conquista do oeste norteamericano parecía chegado. 

Auris cavilando na insoportable levidade do misticismo
Auris cavilando na insoportable levidade do misticismo

Así que Auris e mais eu saímos solícitos pola Hwy 318 desde Hill City para experimentarmos canto o misticismo estadounidense podía ofrecernos. En tan necesaria busca, a paisaxe facíase cada vez máis rural, e sen esperar moito mesmo a estrada deixou de estar asfaltada, o que sen dúbida convertía a procura mística en aínda máis xenuína e sincera. O po da estrada cubría cada vez máis completamente o azul de Auris, mais nin a perda de sinal dixital arredou por un momento a nosa determinación mística. Porque o obxectivo irrenunciable era atopa-lo arelado Mystic coma se da extraviada pedra filosofal se tratase. Tanto foi así que, xa sen cobertura de datos, decidimos non parar ata que o GPS chiou que por fin chegaramos a Mystic. 

E aí fun consciente da realidade. Ó poñe-lo pé no suposto Mystic, apenas puiden enxergar unha capela abandonada á miña esquerda, unha desviación cara algures á dereita e unhas caixas do correo abandonadas en liña recta. Así que, mentres Auris quedaba na salvaxe compaña de Dahon, saín a inspecciona-lo terreo por min mesmo. Velaí como me decatei do abandono total do outrora boiante enclave mineiro e hogano aldea pantasma de Mystic. O último tren pasara por alí en 1983 e arestora apenas constituía un punto obrigado na ruta ciclista 7, considerada lugar de interese histórico desde 1986 polo Rexistro Nacional norteamericano.

Así as cousas, dei en preguntarme pola actualidade do misticismo no corazón dun imperio que só parecía entender de conquistas –armadas ou non– e de dominación capitalista do resto do mundo. El habería lugar para o misticismo nun país así? 

O certo é que nese mesmo imperio agroman coma champiñóns negocios de comida orgánica tipo Whole Foods ou Natural Grocers, ós que está misticamente entregada unha parte da poboación norteamericana. E que, nesa mesma sociedade, o número de congregacións e templos relixiosos excede o de tendas de alimentación. E que a devoción de místicas practicantes da acupuntura e terapias alternativas encontra como único freo o seu alto custo económico nun país tiranizado por prohibitivos seguros médicos de orientación alopática. E todo polo negacionismo emocional, tan daniño coma o climático, e por negarse a parar, ou alomenos ralentizar, a mente, nunha nación onde o mal –como diría Superman– nunca acouga.

Na aldea de Mystic, en Dakota do Sur
Na aldea de Mystic, en Dakota do Sur

O misticismo estadounidense quizais busque sobre todo desconectarse do aquí e o agora, allearse ata a extenuación mentres o país segue a baterse a tiros, internamente e con outros, sen solución de continuidade. Velaí o misticismo de orientación escapista da sociedade estadounidense.

Fuxindo do contacto emocional e físico co outro, o misticismo norteamericano oscila entre a dureza silenciosa e a hostilidade expresa, segundo o nivel educativo, o medio profesional e o día, nun país bipolar que unhas veces reparte agasallos have a nice day e outras responde con silencio igualmente distante. No medio, a adición ós tranquilizantes, o recurso ó alcohol e a marihuana, a prepotencia dos silencios mentireiros e a fraxilidade oculta trala áspera frialdade. E todo, por abandona-lo misticismo xenuíno, o que de verdade nos fai humanos mentres compartímo-la nosa necesidade de coidar e ser coidados, con esa lealdade que emana desde a liberdade verdadeira, a do amor; a esencia do ser, misticamente humanos, humanamente místicos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA