Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2018 | Actualizada ás 14:11
José Manuel Lage Parente foi médico rural durante corenta anos. Recolleu toda a súa experiencia neste campo da atención sanitaria para fundar en Maceda o primeiro museo da medicina rural que se prepara en Galicia. Aínda faltan elementos como os paneis explicativos e elementos que darán a forma definitiva a estas instalacións. Será un percorrido pola historia de Galicia desde a perspectica dun colectivo que máis dunha vez, tivo que valerse de enxeño e imaxinación para afrontar doenzas para as que moitas veces non tiñan elementos suficientes para tratar.
Actualmente a medicina rural está saturada e os profesionais aseguran estar sobrepasados, pois atencións que antes se facían a nivel de especializado, agora ofértanse desde atención primaria. As diferenzas entre uns tempos e outros varían en que hai unha cobertura pública, unha industria da medicina que vai proporcionando os medicamentos necesarios, cando antes, hai décadas “mesmo había que traer medicinas desde Portugal”.
O MÉDICO RURAL
“Unha faceta importante é que o médico rural ten cercanía coa xente ademais de implicación social por vivir nun entorno como é este” di José Manuel Lage, “sería un dinamizador da vida social da zona, o médico rural en tempos, estaba moi implicado cunha relación máis humana e tamén se implicaba na vida do lugar, á parte eran xente preocupada polo entorno, mesmo chegaron a alcaldes, presidentes de cubles deportivos e culturais”. Ás veces esa implicación levaba a este ou esta médica rural a exercer tarefas como psicólogo “mesmo se pode dicir que era como un confesor, había unha frase que o define moito “enfermos pobres, médicos tristes””.
Teresa Castro, médica en Vimianzo, apunta unha sensación de sobreesixencia ao médico rural de primaria. “A demanda é elevada, a oferta de servizos é maior, desde primaria estase cubrindo ofertas que antes eran de especializada”, con todo Castro apunta que “non temos problema en asumilas pero iso hai que telo en conta no momento de redistribuir o traballo”. Ademais, Castro vé que o factor tempo tampouco é tido en conta “que nós fagamos o que antes ía a especializado, nos enriquece, pero precisamos tempo”.
A cuestión é que debido ao aillamento de moitas das zonas rurais en Galicia, a escasa e mala conexión de vías de comunicación non permitía actualizar os coñecementos e os avances en diversos tratamentos. “Ata o ano 1950 non chegou a penicilina a España, así que imaxina como sería daquela, nos setenta comezaron os primeiros electrocardiogramas e as comunicacións pois eran corredoiras”. Lage define aos médicos como heroes silenciosos en canto a actualización de coñecementos “terían os seus contactos con médicos especialistas da cidade con quen tiñan intercambios e con xornadas de vinte e catro horas, naquela época era complicado manterse ben informado”. Aínda así, como recoñece o doutor Lage, “creo que todos os referentes que tiñan eran os coñecementos da Facultade”.
A chegada do médico á zona correspondente “era mediante concursos oposición, o alcalde era o presidente e quen mandaba sobre o médico era o alcalde”. A institucionalización ou creación da figura do médico nun concello xa viña de atrás. “Aquí en Maceda temos documentación de comezos do século XX que xa había médicos nativos desta zona que viñan traballar aquí”.
O feito de que a xente do rural fose reacia á asistencia ao médico “era unha cuestión de diñeiro, non había, eran xente pobre” di José Manuel Lage. Sobre o pago de atencións e consultas, ao ser zonas pobres “había un sistema que lle chamaban de igualas, un pago en especie se non había cartos, e era un compromiso polo que o médico atendíaos por un ano e os veciños dábanlle cousas do porco ou millo para o cabalo do médico”. “Eu síntome satisfeito despois de corenta anos no rural, e o motivo de crear este museo é para a xuventude, que vexa que ten o seu mérito ser médico rural e pode enriquecerte e podes desenvolvela”.
ACTUALIDADE
Hoxe en día o despoboamento do rural deixa unha poboación moi envellecida. “Iso non é que só nos aumente a patoloxía, a demanda destes pacientes que precisan máis atención, pois agora que non teñen coidadores que antes si tiñan, pero agora tiveron que emigrar ou traballar fóra” implica que os médicos do rural “temos que desprazarnos ás súas casas porque ao mellor non teñen vehículos, nin quen os traia, facer máis control de medicación” di Teresa Castro, porque a xente maior pode cometer erros na administración do seu tratamento.
“Aumenta a carga de traballo pero non o persoal”. Pero a maiores diso, Teresa Castro apunta que “non se fai cobertura de case ningunha ausencia, iso quere dicir que colles os teus pacientes e os de outro compañeiro”. En relación a isto, o día vintecinco hai unha OPE de médicos de familia con prazas, “o que sucede é que hai un grande número de persoas en interinidade que pasarán a ter praza en propiedade”. Isto traería a mellor en condicións laborais de moitos profesionais. “Porque unha das cuestións que temos que abordar é a falta de profesionais que buscan lugares con mellores condicións”.
“O traballo no rural ten cousas positivas como a cercanía ao paciente, pero tamén teñamos en conta que eu para desprazarme a ver xente que vive nas súas casas, teño que pagarme o combustible do coche” sinala Castro. “Gañamos moito en recoñecemento social, pero por parte de compañeiros da cidade ás veces non se entende moi ben a situación na que estamos, dispersión, envellecemento, falta de recursos, pois non é o mesmo facer o traslado dunha persoa sen mobilidade a dez quilómetros que a cen quilómetros”. Outra cousa son as coberturas “aquí eu teño que facer unha cobertura de sábado cada dous meses, nalgúns centros hospitalarios é cada seis meses”.
A medicina no rural é considerada como unha “irmá pobre” da medicina. O despoboamento e as consencuencias como o envellecemento da xente que vive no rural, é unha das consencuencias que crean necesidades específicas para estes profesionais da medicina, necesidades que moitas veces deben suplir con aportacións persoais de tempo e tamén aportacións materiais. Por tanto, unha conclusión é que a medicina rural precisa de vocación, pero tamén dunha mellor e maior atención por parte das autoridades sanitarias, abrindo as melloras nas condicións laborais e de atención en diversas áreas especializadas, sobre todo en tempo cubrindo con maior número de persoal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.