Nace en Galicia 'Workshop Contract', un laboratorio de "materiais innovadores"

O director do Igape subliña a importancia destas iniciativas para mellorar "a competitividade".

Por GC Emprende | Compostela | 22/11/2018 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

'Workshop Contract', un espazo innovador único en España para que profesionais do contract e a arquitectura poidan estar ao día nos últimos materiais e innovacións, abriu este xoves as súas portas no parque empresarial de Alvedro, en Culleredo (A Coruña) co obxectivo de ser un "laboratorio de materiais innovadores".

O director do Igape Juan Cividanes e Pablo García, de Tattoo. WORKSHOP CONTRACT
O director do Igape Juan Cividanes e Pablo García, de Tattoo. WORKSHOP CONTRACT

Nesta iniciativa, converxen unha decena de empresas do mundo do contract para crear "un taller de innovación", resumiu, na inauguración, Pablo García-Bodaño, o CEO de Tattoo Contract, unha das empresas impulsoras deste novo laboratorio. Nas súas instalacións ofreceranse distintas propostas en todos os ámbitos da construción, mobiliario e deseño para aplicar no ámbito privado, comercial e sanitario.

Ademais, haberá relatorios con responsables de proxectos e formación para industriais, arquitectos e interioristas. Xunto ás charlas, desenvolveranse presentacións de proxectos e de produtos e talleres en ámbitos como os procesos de fabricación e o coñecemento da maquinaria.

"APROVEITAR SINERXÍAS"

Pablo García-Bodaño sinalou que se busca "levar desde Galicia a innovación, aproveitando sinerxías", apostilou sobre a vinculación de empresas galegas, pero tamén doutras autonomías con esta proposta.

"A innovación, a xestión do coñecemento e o contract", resumiu na inauguración sobre os obxectivos perseguidos con 'Workshop Contract', o que se presentou como protagonista unha cápsula inmersiva realizada no material 'solid surface', que é unha mostra das sinerxías creadas entre todas as empresas que compoñen este novo espazo.

MELLORAR A COMPETITIVIDADE

Á inauguración, coa presenza de máis dun centenar de empresas do sector, asistiu tamén o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Juan Cividanes, que subliñou a importancia de apostar por unha forma de colaboración "global" para mellorar "a competitividade".

Do sector que aglutina as empresas de contract galegas, explicou que desenvolveu "máis de 10.000 proxectos en máis de 90 países durante os últimos anos". Mentres, lembrou iniciativas da Xunta como o programa 'Industria 4.0' para facilitar a xeración de proxectos que acheguen solucións tecnolóxicas e formas de colaboración para a implementación de ferramentas dixitais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Breixo

Que manía con poñer os nomes en inglés.