Novos problemas para o pobo saharauí cos acordos entre a UE e Marrocos

A eurodeputada Lidia Senra presenta 23 emendas ao informe da Comisión de Pesca do PE ao novo acordo UE-Marrocos presentado polo Consello.

Por Galicia Confidencial | Bruxelas | 03/12/2018 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

As institucións europeas están a tentar aprobar dous novos acordos que lles permitan seguir aproveitándose dos recursos naturais do pobo saharauí sen renunciar a ter como socio ao Reino de Marrocos, potencia ocupante. Unha decisión que chega logo de que o Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) anulara no ano 2015 o acordo de libre comercio asinado entre a Unión Europea e Marrocos

Nenos saharauís agardando ser acollidos
Nenos saharauís agardando ser acollidos | Fonte: mrnmagazine.com

Con este obxectivo está a desenvolver un procedemento coñecido como “intercambio de notas” ao cal, en palabras da propia Organización das Nacións Unidas (ONU), adóitase recorrer por tratarse dun procedemento rápido, ou, ás veces, para evitar o proceso de aprobación lexislativa.

Precisamente, este luns finalizou o prazo para presentación de emendas ao proxecto de informe que a Comisión de Pesca do Parlamento Europeo elaborou sobre a proposta de Decisión do Consello relativa á celebración do Acordo de colaboración de pesca entre UE-Marrocos. Serán votadas o vindeiro 23 de xaneiro e o informe prevese que sexa levado ao pleno do Parlamento Europeo no mes de febreiro.

Neste sentido, e a través do rexistro de 23 emendas, Lídia Senra, responsábel do seguimento deste informe para o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e representante do mesmo na Comisión de Pesca do PE fixo unha compilación dos principais argumentos polos que insta a dita Comisión parlamentaria a propoñer que o Parlamento Europeo decline o seu consentimento a este acordo.

TERRITORIO OCUPADO

O Sáhara Occidental é actualmente un territorio non autónomo baixo a ocupación militar estranxeira de Marrocos, dividido por un muro de máis de 2.700 quilómetros, polo que o acceso aos seus recursos naturais é precisamente unha das claves do conflito e a explotación dos mesmos sen consentimento do pobo saharauí supón unha violación do Artigo 73 da Carta das Nacións Unidas”, apuntou.

Outro aspecto a ter en conta, introduce a galega nunha das emendas rexistradas, é o prexuízo económico para o propio pobo saharauí, que debido á aplicación ilegal do Acordo de Pesca UE-Marrocos ao Sáhara Occidental perdeu de recibir 58.8 millóns en concepto de acceso aos recursos, pero tamén 34 millóns vinculados ao canon, 300 millóns no valor das capturas e 37 millóns en apoio sectorial, polo que o dano económico causado alcanza os 430 millóns de euros. 

“A UE non pode pechar os ollos ante as dúbidas expresadas, xa non só por algúns dos Estados membro, a Fronte Polisario e organizacións sociais, se non mesmo polo propio Servizo Xurídico do PE, habida conta das posíbeis repercusións legais e políticas que podería ter este acordo sobre o exercicio do dereito á libre determinación do Sáhara Occidental”, conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta