CCOO denuncia que a Xunta está a vulnerar o disposto na Lei de Inclusión

O sindicato, que tamén asinara o pacto do que xorde a Lei, pide cambiala para que cumpra os obxectivos para os que foi deseñada.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2018 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) exixe que a Xunta modifique a Lei de
inclusión de Galicia para que cumpra cos puntos que marca o texto legal. Xunto a isto, a central sindical pide cambios na Renda de Inserción Social (RISGA) para aumentar o número de persoas que poidan percibir esta prestación.

Fabiola García, conselleira de Política Social. XUNTA DE GALICIA
Fabiola García, conselleira de Política Social. XUNTA DE GALICIA

CCOO quixo que así constase na xuntanza  do Consello Galego de Benestar Social que se celebrou este martes. Nesta xuntanza, as organizacións sociais avaliaron o Proxecto de decreto de desenvolvemento da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, no relativo á tramitación da renda de inclusión de Galicia e das axudas de inclusión social. Nunha nota de prensa o sindicato apunta que “o caso de CCOO, o seu voto foi positivo, pero cuestionou o atraso na tramitación do decreto logo de catro anos despois de aprobada a Lei”.

Por outra banda, a secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO, Maica Bouza, criticou que se citase as entidades “sen achegar informe de seguimento ningún, nin tampouco avaliación da lei ou das axudas”. Desde a forza sindical lembran que a propia lei establece que “son órganos de control e seguimento da aplicación da renda de inclusión social de Galicia e do Plan galego de inclusión social o Consello Galego de Benestar Social e a Mesa Galega de Servizos Sociais”.

Malia que a xuntanza tiña como obxecto presentar un decreto de desenvolvemento da lei, “CCOO coida que o que cómpre é reformar a norma para lograr os obxectivos para os que foi definida no marco do diálogo social, onde CCOO foi parte asinante”.

CC OO apunta que “segundo os datos da última EPA, en Galicia hai máis de 32.000 fogares nos que non entra ingreso ningún, pero só 10.000 persoas beneficiarias da RISGA”. Ante esta “disfunción”, a secretaria de Previsión Social de CCOO coida que a renda de integración “non está a cumprir a súa función de inclusión”, xa que deixa moitas persoas sen cobertura.

Para a voceira de CCOO, unha das principais eivas da RISGA é que “é pouco coñecida”, pero tamén “está pouco difundida desde a propia Administración autonómica”. Ademais, a principal novidade desta lei é que traballaba na inserción laboral das persoas beneficiarias, pero este apartado “leva catro anos de atraso”, malia que se publicou a carteira de servizos do Servizo Galego de Emprego que habilitaba o seu desenvolvemento.

Outra das deficiencias é o “reducido orzamento” con que conta a RISGA, polo que a súa contía resulta “escasa e insuficiente”, sinalan que está entre as máis baixas do Estado. Se non se incrementa o orzamento de maneira significativa para conseguir que aumente a contía das prestacións, “é imposible que se cumpra o obxecto da lei e sexa unha ferramenta útil para a inclusión social porque cos recursos actuais é imposible vivir con dignidade”, lamenta Bouza.

CCOO lanzou unha serie de propostas para mellorar a RISGA.  Entre outras, a redución da idade de acceso dos 25 aos 18 anos; eliminar o requisito de “residencia legal” e permitir o acceso de todas as persoas que estean empadroadas nos concellos galegos polo menos durante os seis meses anteriores á solicitude; suprimir o requisito de “persoas obrigadas a prestar alimentos” ou, se non, validar a declaración responsable da persoa solicitante sobre esta posibilidade; no caso de que unha vivenda for compartida por dúas ou máis unidades de convivencia, “o número de prestacións será de dúas, sempre que se reúnan os requisitos ou adaptar á realidade laboral actual a incompatibilidade cun posto de traballo”.

CCOO tamén criticou que o Consello, “órgano superior consultivo e de participación do sistema galego de servizos sociais”, só se reunise tres veces nos últimos anos, xuntanzas nas que “unicamente se ditaminaron doce dos centos de normas normas aprobadas pola Consellaría de Política Social”. O sindicato espera que a conselleira, Fabiola García, que en setembro substituíu no cargo a José Manuel Rey, lle dea “a importancia que merece a este Consello, aínda que tardara case tres meses en convocar a primeira xuntanza”.

MaicaBouza lembrou que nos momentos de crise os servizos sociais son “máis ca nunca, se cabe, un piar básico da nosa sociedade”. A RISGA, a atención ás persoas dependentes ou os servizos sociais básicos han desempeñar un “papel determinante” para paliar a desigualdade e pobreza que deixou a crise e as políticas aplicadas para superala. “E este órgano é o lugar onde avaliar se as políticas da Xunta en materia de servizos sociais están respondendo ou non ás necesidades da cidadanía, tarefa que non se está a facer”, concluíu.

A voceira de CCOO tamén pediu que se lles remita ás organizacións que compoñen o Consello Galego de Benestar Social os datos de execución da RISGA, e que esa información a reciban de xeito periódico. Así mesmo, solicitou que se convoquen unha reunión específica do pleno do organismo para tratar a situación en Galicia do sistema de atención á dependencia. Por último, Bouza pediu información sobre o grupo de traballo relativo á previsión de cláusulas sociais na contratación pública, que comezou a andar na primeira metade de 2017, e a creación dun grupo para analizar a situación da atención á dependencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta