Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 14/12/2018 | Actualizada ás 17:14
O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, cualificou a “Guía de Viños, Destilados e Bodegas de Galicia” de Luis Paadín como “un referente” dos viños galegos”. Segundo sinalou, ten por tras “un traballo moi serio e rigoroso que se evidencia, por exemplo, en que non admite publicidade de ningún tipo”.
A edición do vindeiro ano contén 1.010 fichas de cata de viños de toda Galicia. No caso de Valdeorras, son 118 as marcas distinguidas procedentes de 34 adegas (19 Gran Oro, 67 Oro y 32 Plata), case o 80% do total, o que –segundo García Pando- “evidencia o poderío e a calidade dos nosos viños”.
O coordinador da publicación, Luis Paadín, manifestou na presentación que a Guía de 2019 é o resultado dun intenso ano de traballo de cata, documentación e redacción. Segundo se detalla na publicación, cada ano apréciase con maior intensidade “a diferenciación de cada terruño baseada máis no viñedo e menos nas prácticas enolóxicas, sen dúbida un reflexo das tendencias internacionais”. No caso de Valdeorras cobran especial relevancia “os grandes viños obtidos en viñas vellas”, tal e como destacou Paadín.
Tamén aproveitou a ocasión para agradecer o apoio por parte do sector produtivo de Galicia ao terse rexistrado nos últimos anos unha tendencia á alza dos viños catados, que no caso da nova edición da guía aumentaron nun 20%.
A publicación conta con máis de 200 mecenas e da edición de 2019 téñense editado 2.000 guías, das que aproximadamente 1.100 xa están prevendidas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.