En Marea e BNG censuran o discurso de Nadal de Felipe de Borbón e o PP aplaude o seu "sentido de Estado"

Lecturas totalmente opostas sobre a mensaxe de Nadal vacua e chea de tópicos do monarca español.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/12/2018 | Actualizada ás 16:21

Comparte esta noticia

En Marea considera que o discurso do Nadal pronunciado polo rei español Felipe VI está "afastado da realidade", é "insensible cos problemas da xente" e "alleo ás inquietudes da sociedade galega". E a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou que o monarca defendese no seu discurso do Nadal a Constitución como un "marco de convivencia" cando, na súa opinión, "é xusto o contrario" tendo en conta que "nega a existencia das nacións sen estado". Lecturas totalmente opostas ao do PP galego, que valorou o "sentido de Estado" mostrado polo monarca no seu discurso e asegurou compartir a súa "defensa" do modelo de convivencia en España.

Discurso de Nadal de 2018 do rei español Felipe VI.
Discurso de Nadal de 2018 do rei español Felipe VI.

O portavoz da formación rupturista, Luís Villares, asegurou que as palabras ofrecidas por Felipe de Borbón "non representan nin de lonxe as inquietudes da sociedade galega a día de hoxe".

Para o maxistrado lucense en excedencia, o monarca "obviou un feito importante da situación política española", que houbo unha moción de censura ocasionada pola "fartura pola corrupción". "O rei esqueceu no seu discurso calquera alusión a unha corrupción que converteu o PP nun partido condenado por corrupción", sinalou.

Así mesmo, Luís Villares manifestou que Felipe VI "falou moito da Constitución" pero "esqueceu todos eses dereitos que figuran na mesma sobre a vida digna e que son tratados permanentemente como papel mollado". "Os nosos maiores non teñen asegurada unha pensión digna cando se xubilan, temos a unha sociedade mobilizada permanentemente en defensa da sanidade, dos recursos públicos, en defensa do territorio, en defensa do emprego e nada disto estivo no discurso do monarca", apuntou.

O portavoz de En Marea censurou que "non só non se di nada destas situacións, senón que tampouco se cita a quen son responsables destas políticas antisociais e neoliberais, políticas que impiden desenvolver o Estado do Benestar".

E é que, conforme sinalou, Felipe VI "non quixo entrar na precariedade na que vive unha parte da sociedade española e, particularmente, a galega que provoca, entre outras cousas, unha emigración da mocidade e a imposibilidade de que a xente nova poida facer plans de vida e formar familiar".

Por todo iso, Villares concluíu que o discurso do monarca está "afastado da realidade, falto de compromiso, insensible ante os problemas da xente e non representa as inquietudes da sociedade galega e, un ano máis, non justifica o salario que gaña".

BNG 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou que "como vén sendo habitual, o discurso fai unha defensa sen concesións da Constitución e dunha visión idílica da Transición, sen ningún recoñecemento ás vítimas do franquismo, nin á necesidade de que se xulguen os crimes nin de reparación da súa memoria", censurou Pontón.

Neste sentido, lamentou que o rei afonde nunha mensaxe "negadora da plurinacionalidade, na que se confunde convivencia con Constitución". "A convivencia pode ser e é un obxectivo entre iguais pero sempre ten que ser entre iguais e, por tanto, haberá convivencia entre iguais cando se recoñeza que as nacións sen Estado existimos e que temos dereito a decidir", apuntou.

A líder dos nacionalistas galegos considerou que a mensaxe ofrecida polo monarca en Noiteboa está "afastada da realidade" e dos "problemas do día a día" dos cidadáns galegos.

Neste sentido, censurou que "a emigración, a precariedade, o paro ou a pobreza enerxética" non formen parte do discurso de Felipe VI a pesar de que moitos cidadáns seguen tendo "dificultades para chegar a fin de mes".

Por iso, considerou que a intervención do monarca deixa ver unha monarquía que "vive comodamente instalada no seu palacio" e que "debe de pensar que ese é o día a día que teñen os cidadáns".

Ademais, tamén censurou que Felipe VI apelase á mocidade e fixese referencia aos cambios, especialmente tecnolóxicos, cando, na súa opinión, a propia monarquía é unha institución "anacrónica, medieval, que a inmensa maioría da mocidade non comparte". "Se hoxe se sometese a referendo, non revalidaría unha institución como esta", sinalou.

PPdeG

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, cualificou de "moi apropiada" a defensa do constitucionalismo realizada por Felipe VI, que considerou como un "toque de atención" a aqueles que queren revisar a historia de España e o seu modelo de convivencia.

Para o dirixente popular, "Felipe VI demostrou un sentido de Estado" que, na súa opinión, se bota " en falla" na política estatal nos últimos tempos" xa que, como sinalou, "na actualidade coexisten os que queren romper os consensos da Constitución e os que, desde o Goberno central, consenten os seus desplantes á Carta Marga".

"España necesita moitas máis persoas como Felipe VI e moitas menos como Quim Torra e aqueles que lle apoian", manifestou en referencia aos independentistas cataláns.

Así mesmo, Miguel Tellado sinalou que o xefe do Estado "acertou ao centrar boa parte do seu discurso na xente nova" e asegurou coincidir con el en que "existe a obriga de traballar con máis intensidade para dotar aos mozos das ferramentas e as oportunidades necesarias para que poidan ser donos do seu futuro". Neste sentido, lembrou que esta é unha das "liñas prioritarias da Xunta de Galicia".

Por último, manifestou que España non ten un goberno "á altura das circunstancias" e, en consecuencia, celebrou que os españois si teñan na Casa Real "un referente" que "garante serenidade nos temas que interesan e preocupan á sociedade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Cruña

Si no les gusta a podemitas y amigos de Bildu es que el dicurso fue bueno.

1 Gamela

Bla bla bla bla bla.... https://upload.wikimedia.org/wikipe...