En Marea considera un "insulto á intelixencia" que Santalices pida ao Apóstolo a erradicación da violencia machista

Marea Feminista ve cínico que o presidente do Parlamento de Galicia dese este discurso mentres o PP non entende o que é a violencia machista.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2018 | Actualizada ás 19:29

Comparte esta noticia

A sección feminista de En Marea, A Marea Feminista, critica o "insulto á intelixencia" e o "exercicio de abandono de funcións" que, ao seu modo de ver, supón o discurso pronunciado este domingo polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, durante a celebración da Translación dos restos do Apóstolo Santiago.

Miguel Santalices, Translación, 2018
Miguel Santalices, Translación, 2018

Durante a Ofrenda Nacional, na que exerceu como delegado rexio do rei Felipe VI, o xefe do Lexislativo galego lamentou que se segue "sen atopar a fórmula que permita erradicar secuelas" como a violencia no ámbito familiar e contra as mulleres.

Neste sentido, Marea Feminista emitiu un comunicado no que esixe a Santalices que acabe con estas peticións: "é inconcibible que o Goberno da Xunta, en lugar de implementar políticas que erradiquen a violencia cara ás mulleres, as tombe cando son votadas no Parlamento coa súa maioría absoluta e faga un exercicio de abandono de funcións solicitando a intercesión do Apóstolo para 'solucionalo'".

Ademais, esta sección do partido instrumental ve "cínico" que o presidente do Pazo do Hórreo dea este discurso mentres o Partido Popular "non entende nin ten a máis mínima vontade de entender o que é, o que implica e as consecuencias da violencia machista".

E é que, segundo denuncia Marea Feminista, a Xunta "recorta sistematicamente os recursos persoais, materiais e económicos para previr e intervir contra a violencia machista" mentres "pide auxilio ao Apóstolo".

Así as cousas, e facendo referencia a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que fallou que o Goberno autonómico "actuou con vontade de privar de repercusión apreciable" os paros da xornada do 8 de marzo, o partido instrumental lamenta que a Xunta "segue incumprindo a lexislación en materia de igualdade e violencia machista".

"Non levan a cabo, por falta de vontade política, medidas que poderían redundar en beneficio para toda a sociedade, como o aumento de xulgados de violencia de xénero dotándoos de persoal e recursos suficientes, implementar a coeducación e a prevención no ámbito educativo ou dotar presupuestariamente con recursos suficientes as partidas económicas vinculadas", esgrime Marea Feminista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta