A Xunta achega case dous millóns de euros para axudas complementarias do programa 'Erasmus+'

A convocatoria foi publicada este mércores no DOG e poderanse beneficiar os estudantes do Sistema Universitario de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2019 | Actualizada ás 17:14

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional destinará este curso 2018/2019 un orzamento de 1.751.000 euros, case un 17 por cento máis que na anterior convocatoria, ás axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario 'Erasmus+'.

Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago
Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago | Fonte: USC.

A convocatoria destas axudas foi publicada este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) e poderán beneficiarse delas todos os estudantes do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que participan en 'Erasmus Estudos'. Optan a obter a axuda todos aqueles estudantes que tamén teñan acceso ás axudas europeas. Con todo, non poderán concorrer á axuda aqueles que xa a obtiveron en convocatorias anteriores e o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe.

Segundo informa a Consellería nun comunicado, a duración das axudas e a súa contía mantéñense invariables despois do incremento no curso pasado, cando a axuda mínima ao mes pasou de 105 euros a 125 euros, a intermedia de 145 euros a 165 euros e a máxima elevouse de 175 euros a 195 euros. Todas elas en función dos países de destino. A convocatoria galega achega axudas a estancias de ata nove meses, polo tanto complementa ás europeas, que se limitan a cubrir sete meses de duración.

A solicitude soamente pode ser realizada por vía telemática a través de calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidos pola sede electrónica da Xunta, incluído o sistema de usuario e clave 'Chave 365'. O prazo permanecerá aberto desde este xoves ata o 2 de febreiro. No curso 2017/2018 as bolsas foron concedidas á totalidade de alumnos solicitantes que participaron no programa 'Erasmus Estudos', que foron 950 estudantes.

CUANTÍAS SEGÚN O PAÍS DE DESTINO

A contía das axudas que recibirán os universitarios beneficiarios varía en función do país de destino e da duración da estancia, que pode oscilar entre tres e nove meses. O importe ascenderá a 195 euros ao mes para os países de destino do grupo 1, composto por Dinamarca, Irlanda, Francia, Italia, Austria, Finlandia, Suecia, Reino Unido, Liechtenstein, Noruega e Suíza. Para os países do grupo 2, a axuda situarase en 165 euros ao mes e beneficiará aos alumnos que participen no programa en Bélxica, República Checa, Alemaña, Grecia, Croacia, Chipre, Luxemburgo, Países Baixos, Portugal, Eslovenia, Islandia ou Turquía.

Ao grupo 3, composto por Bulgaria, Estonia, Letonia, Lituania, Hungría, Malta, Polonia, Romanía, Eslovaquia e Antiga República Iugoslava de Macedonia, correspóndelle unha axuda de 125 euros ao mes. Unha vez que a comisión avaliadora distribúa a contía uniforme en función dos grupos de países, o orzamento restante dispoñible, en caso de habelo, adxudicarase entre os solicitantes que teñan unha maior media no seu expediente académico e asignaráselles unha contía uniforme de 500 euros ata esgotar o orzamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta