A borreliose, a enfermidade que está espertando

A doenza de Lyme ou borreliose é unha enfermidade transmitida sobre todo polos carrachos. Estes parasitos están sobre todo en pequenos roedores que son o alimento de depredadores como raposos e lobos. Informes da UE sinalan a necesidade de ir tomando medidas. Aínda que sen estatísticas en firme, Lugo sería a provincia galega con maior presenza da borreliose.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A borreliose é unha infección transmitida polos carrachos. No caso de Europa, a especie Ixodes ricinus é da que máis noticias se teñen sobre a súa capacidade de infección tanto en animais como seres humanos. Este ácaro que se alimenta de sangue logo de facer unha punción no animal ou persoa, “pode infectar o torrente sanguíneo coa bacteria Borrelia burgdorferi que pode permanecer dentro de varias especies animais dependendo da súa fase vital” di Martiño Nercellas, biólogo.

Mapa Europa Borreliose
Mapa Europa Borreliose | Fonte: UE

Onde está o risco para as persoas? A borreliose ou enfermidade de Lyme pode afectar ao sistema nervioso, articulacións, pel e corazón. Coñecíase o seu carácter endémico en varios países e que a súa incidencia era moi baixa e as áreas máis afectadas son Europa e os Estados Unidos.

CONDICIÓNS PARA A SÚA EXPANSIÓN

A UE fixo un chamado aos seus países membros para que presten atención á borreliose. De feito, unha das recomendacións que fai a Unión Europea é que os estados membros introduzan esta doenza como de seguemento obrigatorio. O obxectivo sería buscar un sistema de profilaxe ou prevención para as persoas con potencial risco de seren infectadas como agricultores, traballadores do campo en xeral e persoas de paso.

Unha das medidas que se propoñen é a non eliminación de determinados depredadores naturais dos roedores que porten a carracha. “A intervención dos raposos á hora de controlar ás poboacións de pequenos roedores portadores de carrachos infectados por borrelia” é esencial, como sinala Martiño Nercellas, biólogo. A supresión destes animais “é considerada moi negativamente pois deriva nunha cadea de expansión das poboacións destes microroedores e garante a maduración de miles de larvas á fase adulta” apunta Nercellas. O mesmo biólogo apunta a “estudos para poboación de corzo no noroeste ibérico, incluíndo a Serra dos Ancares, detectouse unha media duns 50 carrachos por corzo”. O efecto de depredación do lobo sobre o corzo sería unha barreira fronte a expansión da enfermidade de Lyme.

Mapas Borreliose Galicia
Mapas Borreliose Galicia | Fonte: SERGAS

Galicia Confidencial púxose en contacto co SERGAS, que remitiu unha serie de datos en informes xa elaborados e contando con ter outro para 2019 sobre a borreliose. No comunicado enviado polo SERGAS a este medio destácase que: “A enfermidade de Lyme, non é que estea a saltar dos corzos ao home, senón que estes interveñen no seu ciclo de transmisión. O vector son carrachas, en Europa, fundamentalmente, as do xénero Ixodes. Non todas as carrachas teñen por qué estar infectadas”.

O Servizo Galego de Saúde apunta sobre a poboación máis exposta a posibles infeccións: “As actividades ao aire libre posibilitan o contacto coas carrachas e se estas están infectadas, que se transmita a enfermidade ás persoas. De aí que os traballadores do campo teñan máis posibilidades de exporse”. No mesmo texto, sobre a prevención pasa por “evitar as picaduras de carrachas e, de ter algunha, retirala canto antes, de forma axeitada. Isto é debido a que a carracha non introduce o microorganismo ata, polo menos, 24 horas da picadura”.

EXTENSIÓN

A incidencia, como xa se apuntou anteriormente, parece ter unha presenza destacada no continente europeo ademais de Norteamérica. No caso de Europa, e que xa se tiña como endémica a borreliose en determinadas áreas do continente, ata o de agora a incidencia non tiña un alto grao. Non obstante, factores como a caza, o cambio climático e a eliminación de determinados hábitats están detrás da expansión dunha doenza endémica, pero latente. Para Nercellas “a caza de raposos, en calquera modalidade” debera pararse no caso de querer frear o risco de infección. “A administración debe ser consciente que naqueles lugares das provincias galegas, preferentemente Lugo, onde a prevalencia da borreliose ofrece unha clarísima incidencia de aumento nos últimos anos (constatado no hospital de Lugo), manter a caza do raposo é un auténtico disparate” di Nercellas.

A actitude de advertencia por parte da UE e tamén é certo, casos detectados na provincia de Lugo, non lle son alleos ao SERGAS. A Dirección Xeral de Saúde comunicou a Galicia Confidencial que existen dous traballos elaborados o primeiro entre 2006 e 2007 e o segundo recolle datos históricos desde 2000 ata 2013. Este último si confirma unha maior presenza da borreliose na provincia de Lugo. “Semella que nos últimos 14 anos hai unta tendencia crecente da Enfermidade de Lyme en Galicia, para ambos os dous sexos. Presenta, ademais unha distribución heteroxénea mais Lugo é a provincia máis afectada, o que podería ter relación coa tendencia á focalización da enfermidade, mesmo dentro da mesma área xeográfica 10. As taxas máis elevadas amósanas os nenos do grupo de idade de 5 a 9 anos e a xente maior de 65 a 74 anos” (p. 6). Este texto acompaña a dous mapas de distribución da doenza.

En definitiva, a Unión Europea fai unha seria advertencia ao conxunto dos estados membros para tomaren medidas de prevención e freado da borreliose ou enfermidade de Lyme. Por outra banda, desde sectores ecoloxistas avisan da necesidade de preservación de hábitats e especies esenciais para manter lonxe a infección por parte de animais silvestres. Doutra banda, en Galicia si se fixeran estudos sobre esta doenza e si se tiñan coñecementos sobre ela. En tal caso, estase esperando a ampliación e actualización dos últimos informes. Se a extensión da enfermidade vai en aumento tal e como recoñece o informe do SERGAS, habería que poñer sobre a mesa o debate de que medidas adoptar para freala.

O presente artigo recibiu a resposta dun lector, Pedro Alonso, biólogo, que aínda que di que concorda co artigo, suliña que se trata dunha doenza posíbelmente en expansión, considera errado que a expansión do vector de transmisión, os carrachos Ixodes ricinus e outros ixódidos, se relacioone coa falta de predadores naturais de roedores. "A prevalencia de Ixodes ricinus e outros ixódidos e carrachos no gando vacún e equino é un feito común e os reservórios da bacteria Borrelia burgdorferi van desde micromamíferos (ratos, leiróns, esquíos, insectívoros, etc) a réptis, pasando por aves, entre elas, espécies  migratórias que son as que puideron traer a doenza desde Norteamérica", suliña.

"Argumentar que o control do raposo pode incidir favorábelmente na expansión do vector, ao reducir a poboación dun predador de roedores, potenciais hospedadores de Ixodes, cando na mesma área se desprazan libremente vacas e cabalos con infestacións mui superiores á dos roedores e cando existen demasiados factores involucrados, é simplemente un despropósito", engade. Ademais, apunta que a Ixodes canisuga, que parasita cánidos, é transmisor de Borrelia e tense encontrado nos propios raposos.

Ademais, aclara que quen utiliza estes argumentos para contribuir a campañas contra a celebración de campionatos de caza do raposo, pola suposta neglixencia da Xunta ao permitir a caza de controladores naturais da expansión do vector da doenza de Lyme, "non é consciente de que usar sen rigor toda clase de argumentos pode volverse en contra das posicións que se defenden".

Agroforestería
Agroforestería | Fonte: Wawny en Wikipedia.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Jacho

Home, que parasita animáis domésticos sabémolo todos, o que pasa é que ao mellor os domésticos dalos tratado e están máis confinados, ¿non crees?. Algo que non sucede cos salvaxes. Se o raposo logra reducir a cantidade de difusores do parásito, supoño que é beneficioso... ¿ou?.

1 José

Ixodes ricinus é un carracho que parasita vacas e cabalos, nos que desenvolve ciclos á marxe dos roedores. Se cadra o Sr. Nercellas tamén recomenda deixar o lobo matar as vacas e cabalos para non expandir a Borrelia... porque, de qué serve non matar os raposos, para que así controlen os roedores, se existe infestación en vacas e cabalos, algo que calquera se pode decatar e que leva sendo así desde tempo inmemorial.