"É unha vergoña que a sanidade pública faga concertos coa privada para paliar as listas de espera en fisioterapia"

Os fisioterapeutas solicitan ao Sergas que inclúa un profesional da súa categoría en cada centro de saúde e que integren o "equipo básico" de Atención Primaria xunto a médico e enfermeira.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2019 | Actualizada ás 17:19

Comparte esta noticia

Os fisioterapeutas solicitan ao Sergas que inclúa un profesional da súa categoría en cada centro de saúde e que integren o "equipo básico" de Atención Primaria xunto a médico e enfermeira. Así o manifestou a vogal de Ourense do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, Marta Sobrado, quen reivindicou o papel dos fisioterapeutas. "Temos o suficiente criterio por ser un profesional cualificado para estar no equipo básico", defendeu.

Segunda reunión para definir un novo modelo da Atención Primaria en Galicia.. XUNTA
Segunda reunión para definir un novo modelo da Atención Primaria en Galicia.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Este mércores participaron na segunda reunión co Sergas para definir un novo modelo de Atención Primaria fisioterapeutas e persoal de servizos xerais.

Sobrado apuntou que tamén fixeron fincapé na reunión deste mércores na función dos fisioterapeutas dentro da Atención Primaria que centrou na "prevención e promoción da saúde". "Hoxe actuamos como unha sucursal do hospital", lamentou.

Por iso, este colectivo aposta por "mellorar a coordinación" con outros profesionais sanitarios, así como medidas para "paliar as listas de espera dos fisioterapeutas" e fomentar a investigación.

Así mesmo, reclamaron o incremento do número de fisioterapeutas na sanidade pública galega. "É unha vergoña que a sanidade pública faga concertos coa privada para paliar as listas de espera no canto de fomentar a sanidade pública de calidade para todos", demandou.

Con todo, Sobrado considerou "positivo" e "didáctico" o encontro deste mércores, no que abordaron catro dos seis puntos expostos pola Consellería de Sanidade, polo que serán emprazados a un novo encontro a próxima semana. "Espero que non sexa unha estratexia electoral", abundou para preguntarse "isto servirá de algo?".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta