Á espera da grande onda de frío polar

Os termómetros rexistraron -4,7 graos na localidade ourensá de Verín na mañá deste xoves, moi por debaixo das mínimas dos últimos días. Nas noites do venres e o sábado, poderanse alcanzar os -7 en Lugo e Ourense

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2019 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

Segundo os rexistros de Meteogalicia ata as 9.30 horas en localidades con altitude menor de 900 metros, recollidos por Europa Press, ás 9.10 horas rexistrouse a mínima en Verín, con -4,7 ºC, e ás 9.30 horas, -4,6 ºC en Calvos de Randín (Ourense).

Heladao, frío, inverno, xeo. Europa Press
Heladao, frío, inverno, xeo. Europa Press | Fonte: Europa Press

Tamén na provincia de Ourense na mañá deste xoves rexistráronse valores mínimos negativos significativos como os -4,3 ºC en Viana do Bolo ás 8.10 horas e os -4,2 ºC en Leiro ás 8.30 horas.

Mentres, na provincia de Lugo os termómetros baixaron ata os -3,9 ºC en Sarria ás 8.00 horas. O mércores a mínima de Galicia correspondeu a Calvos de Randín, con -7,6 ºC.

Pola súa banda, en localidades con altitude maior de 900 metros a mínima ata as 9.30 horas deste xoves correspondeu á Veiga (Ourense), con -4,4 ºC ás 8,50 horas; mentres que a localidade da montaña de Lugo Pedrafita do Cebreiro rexistrou -4,3 ºC ás 7.00 horas.

Tamén noutros puntos da montaña ourensá rexistráronse valores mínimos significativos como os -3,8 ºC na Mezquita ás 8.10 horas e os -3 ºC en Vilariño de Conso ás 4.40 horas.

As indicacións para os próximos días indican que se poderán alcanzar os -5 e -7 graos en zonas de Ourense e Lugo nas noites do venres e o sábado, malia que esta onda de frío polar afectará con maior intensidade outros puntos do norte de España. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta