Unións Agrarias lembra que aínda se produce leite "a perdas" ou "sen gañar nada"

O dirixente sindical criticou os baixos prezos que se mantiveron durante todo o 2018 en Galicia, respecto do resto de España ou Europa. Aludiu, tamén, a que os gandeiros deberían "ter un soldo mínimo"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2019 | Actualizada ás 13:01

Comparte esta noticia

O responsable de servizos de Unións Agrarias, Óscar Pose, alertou este venres de que os produtores de leite seguen producindo en Galicia "a perdas" ou "sen gañar nada". A diferenza de prezos respecto doutras comunidades ou países segue a perxudicar os gandeiros galegos, segundo di.

Protesta no Parlamento galego do sector lácteo
Protesta no Parlamento galego do sector lácteo | Fonte: CC.OO.

Pose denunciou esta situación tras facer un balance do que representou 2018 para o sector lácteo na comunidade, onde o prezo medio durante o pasado ano situouse en 30,20 céntimos por litro de leite, de media, fronte aos 31,26 que se pagaron en España.

Durante o exercicio do 2018 mantívose a tendencia de peche de explotacións dun cinco por cento anual, con 420 granxas de leite que concluíron a súa actividade, o que sitúa o número de explotacións por baixo das 7.600 na Comunidade galega, indicou UU.AA..

"Xa non só é producir a perdas, senón que os que estamos nas explotacións temos que cobrar e deberiamos ter un soldo mínimo", manifestou Pouse. "Iso non se consegue a día de hoxe na maior parte dos casos", abundou.

Sobre esas perdas, o dirixente agrario estimou que se "deixou de cobrar con respecto á media de España doce millóns de euros", respecto de se Lugo cobrase o litro como o prezo medio español durante 2018. Pero aínda é maior ese "agravio", segundo explicou, se se realiza coa media europea. "Estariamos a falar de 47 millóns de euros que ingresarían máis as explotacións de Lugo se cobrasen o mesmo que a media (do litro de leite) da Unión Europea", sostivo.

A maiores, insistiu en que "non só é o prezo do leite, senón que nos dous últimos anos houbo unha recuperación moi importante do prezo da manteiga, da graxa, e isto non repercutiu nas explotacións para nada", sinalou. En concreto puntualizou que en Lugo, "no último ano, as industrias facturaron 57 millóns de euros máis pola graxa, a maiores do prezo do leite", algo que, segundo el, non se viu reflectido nas explotacións gandeiras.

Finalmente avanzou que nas próximas semanas producirase unha reunión coas industrias para fixar os prezos do leite.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta