A ONU interésase pola situación do galego e doutras linguas do Estado

O relator especial da Nacións Unidas sobre cuestións das minorías, Fernand de Varennes, visitará España para coñecer a situación dos dereitos das persoas de minorías nacionais, étnicas, relixiosas ou lingüísticas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/01/2019 | Actualizada ás 17:02

Comparte esta noticia

O relator especial da ONU sobre cuestións das minorías, Fernand de Varennes, visitará España do 14 ao 25 de xaneiro para recompilar información de primeira man sobre a situación das minorías no Estado, así como para identificar boas prácticas e as áreas clave que requiren melloras.

ONU
ONU | Fonte: USAID U.S. Agency for International Development.

A visita analizará as políticas existentes para a protección e promoción dos dereitos das persoas pertencentes a minorías nacionais, étnicas, relixiosas ou lingüísticas.

Nesta visita considerarase o tema do acceso á educación de calidade, incluíndo a educación en linguas minoritarias, así como as cuestións relacionadas coa liberdade de relixión, os problemas de inclusión e participación política e a loita contra a intolerancia e o discurso de odio.

Fernand de Varennes anunciou que integraría unha forte perspectiva de xénero, destacando a situación das mulleres e nenas pertencentes a minorías. Tamén analizará a situación das minorías vulnerables, como a comunidade xitana, as comunidades musulmás e os descendentes das comunidades migrantes.

Durante a súa misión de 12 días, o relator especial visitará a capital, Madrid, e viaxará ao País Vasco, Cataluña, Andalucía e Galicia. Reunirase con altos funcionarios gobernamentais, tanto a nivel estatal como autonómico, representantes da sociedade civil e membros de minorías, incluída a comunidade xorda, en relación aos seus dereitos como membros dunha minoría lingüística.

Ao finalizar a súa visita, o venres 25 de xaneiro de 2019, compartirá os seus achados e recomendacións preliminares e presentará un informe exhaustivo da súa visita nunha próxima sesión do Consello de Dereitos Humanos da ONU.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta