UU.AA. reclama unha suba do prezo do leite para reducir diferenzas co resto de Europa

O representante sindical presentou en Pontevedra o balance do sector no último ano. Insistiu en que os produtores galegos cobran unha media de 4,18 céntimos por litro menos en relación a outros países da UE. Isto supón que, a fin de ano, os gandeiros deixen de gañar miles de euros.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 14/01/2019 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

O sindicato Unións Agrarias (UU.AA.) reclamou un incremento do prezo do leite en Galicia, xa que os gandeiros galegos se atopan á cola en España e Europa. De feito, no último ano rexistráronse 4,18 céntimos por litro menos en relación aos principais produtores da Unión Europea. Respecto doutras comunidades autónomas, a variación é de -3,22 céntimos en relación a Asturias, -2,01 con Andalucía ou -1,43 con Castela e León.

Manifestación de Unións Agrarias en Santiago
Manifestación de Unións Agrarias en Santiago

Esta diferenza supón que os gandeiros pontevedres, por exemplo, tería cobrado 13.235 euros  máis polo leite vendido en cada explotacións nos últimos doce meses se o fixeran a prezos europeos, indicou Unións Agrarias.

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, presentou este luns en rolda de prensa en Pontevedra o balance do último ano no sector lácteo galego. Roberto García indicou que o sector se atopa nun momento no que se "cumpren varios fitos significativos", como son a entrada en vigor a partir do 22 de xaneiro da normativa que obrigará a que se etiquete a orixe do leite e non só o lugar en que se industrializa.

Por outra banda, publícase o novo decreto que obrigará á industria a negociar coas organizacións de produtores a partir do 1 de abril, data na que vencen o 90% dos contratos de aprovisionamento.

García avanzou que esixirán á Xunta que xogue un "papel real de mediación" entre as partes para reducir as diferenzas entre o prezo que cobran os gandeiros galegos e os españois e europeos.

Outro aspecto que, segundo sinalou UU.AA., prexudicou aos gandeiros de Galicia é que a industria cobrou pola graxa que vendeu e que non lle fixo falta usar no leite vendido polos gandeiros galegos. No caso da provincia de Pontevedra, no último ano, as industrias facturaron 41,9 millóns de euros máis pola graxa, a maiores do prezo do leite, algo que non repercutiu para nada nas explotacións.

"DOBRE CONTRASTE"

Roberto García fixo mención a un "dobre contraste". Por un lado,  incrementouse un 3,58% a produción en Galicia, que segue sendo superior á doutras comunidades autónomas, pero, polo outro, volveuse reducir o número de explotacións, cunha caída do 5% anual. O responsable de Unións Agrarias explicou que nestes peches inflúen outras cuestións como a falta de substitución xeracional ou os recorte nos servizos no rural.

Finalmente Roberto García avanzou que Unións Agrarias pedirá que se persiga a venda a perdas, é dicir, o pago do leite por baixo de custos de produción.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta