O loteiro de Lugo desaparecido a semana pasada xa debe case 130.000 euros

A Policía Nacional baralla a hipótese de que marchara voluntariamente, fuxindo co diñeiro recadado no Nadal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2019 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

O titular da administración de lotaría número 17 de Lugo, situada no centro comerial de Carrefour, desaparecido desde a pasada semana, xa debe a Lotarías do Estado preto de 130.000 euros, despois de que este xoves non ingresara a cantidade que recadou nos días previos á súa desaparición.

Imaxe do concurso da Lotería de Nadal
Imaxe do concurso da Lotería de Nadal

Desta forma, os 91.000,54 euros que faltaban cando desapareceu aumentarían agora ata preto dos 130.000 euros, aproximadamente, segundo explicaron a Europa Press fontes da delegación de Loterías de Lugo.

A hipótese que se baralla na investigación da Policía Nacional é que a súa desaparición sexa voluntaria e fuxise co diñeiro recadado, tanto coa venda da Lotería de Nadal e Reis,  como coa dos outros sorteos ordinarios. 

A súa desaparición foi denunciada polas dúas traballadoras da administración o pasado venres 11 de xaneiro, ante ante a Policía Nacional. As empregadas comunicaron que descoñecían o paradoiro do loteiro, co que tampouco conseguían pórse en contacto por teléfono. Alertaron de que non dispuñan de diñeiro en efectivo na administración para pagar aos clientes que acudían.

O loteiro, veciño da zona de Pantón en Lugo, tampouco responde as chamadas da súa familia, segundo precisaron fontes da Policía Nacional que, no entanto, non aclararon se entre as hipóteses da investigación se baralla que o home fuxise ao estranxeiro.

Como titular da administración de loterías é o que ten acceso á conta bancaria de operacións. Agora o saldo xa estaría a cero, debido a que xa non houbo máis ingresos desde que se pechou o establecemento.

A sociedade pública Loterías do Estado está, en todo caso, cuberta cun aval ante esta desaparición de diñeiro, algo que asegura todos os puntos de venda de España. Xa que logo, segundo explicaron na delegación de Lugo, terá que ser esta compañía de seguros a que presente a denuncia pertinente.

No entanto, desde a delegación lucense transmitiuse tranquilidade aos clientes, posto que calquera boleto premiado, ata 2.000 euros, pode ser cobrado en calquera punto de venda, mentres que os de contías superiores poden percibirse nas entidades bancarias establecidas.

En canto á administración número 17, esta continúa pechada por falta de pagamento e os seus clientes habituais e abonados poden dirixirse a outra administración, o número 8 situada na rúa Quiroga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta