Losada aplaude o acordo de Alcoa por dar "tempo para buscar investidores"

O delegado do Goberno subliña que Lugo "é unha prioridade para o goberno de Pedro Sánchez e así o reflicten" os orzamentos "reais"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2019 | Actualizada ás 12:34

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, valorou positivamente este martes en Lugo o acordo con Alcoa referendado pola maioría dos traballadores, porque posibilita dispor dun "tempo para buscar investidores con tranquilidade".

O delegado do Goberno en Galicia nunha rolda de prensa en Lugo.. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA
O delegado do Goberno en Galicia nunha rolda de prensa en Lugo.. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA | Fonte: Europa Press

"Temos que felicitarnos todos os galegos", afirmou o delegado do Goberno nunha comparecencia en Lugo, polo feito de que "o preacordo que asinaron os representantes dos sindicatos de Alcoa Coruña e Alcoa Avilés tivera o referendo dos traballadores".

"Creo que é un paso importante. Temos que nos retrotraer ao momento en que a empresa quería pechar, botalos a todos e dar por finiquitada a actividade industrial; agora estamos nunha fase en que hai un acordo para establecer un tempo que vai chegar ata xuño para buscar investidores con tranquilidade", valorou.

A esa "tranquilidade", tras a prórroga de seis meses, suma as intencións "da empresa de financiar a renovación, a reforma das empresas, co fin de ser máis atractivas e colocalas no mercado da forma máis óptima".

Á súa vez, destacou "un investimento importante por parte de Alcoa, tamén cunha serie de dereitos sociais, e de dereitos para os traballadores". Ademais, subliñou que "nestes seis meses se vai facer un estatuto novo eletrointensivo que vai garantir que as  subvencións ás empresas polo consumo enerxético deste nivel traia consigo o abaratar custos e garantir empregos e actividade industrial", explicou Losada, para logo dicir que este é "outro compromiso que o goberno toma como propio".

Sobre o preacordo tamén resaltou que fixa que se buscará por todas as formas posibles a colocación de todo o persoal que se poida". "Iso é bo e é bo para todo o sistema do aluminio en Galicia. Eu creo que é unha boa noticia, e estou convencido que todos os traballadores, tanto do comité de Cervo, como dos comités da Coruña e Avilés son favorables", concluíu.

INVESTIMENTOS EN LUGO

Por outra banda, o delegado do Goberno en Galicia destacou os orzamentos e a incidencia que estes van ter para a provincia de Lugo, cun incremento de máis do 18 por cento en "investimentos reais" con respecto ás contas do 2018.

Nunha rolda de prensa na Subdelegación do Goberno en Lugo, puntualizou que se se fala de "investimentos en estradas, queda claro que se manteñen as porcentaxes do 2018, un investimento de 43,5 millóns fronte aos 43,4 en 2018".

O acento púxoo, sobre todo, "en investimento en ferrocarril", máis de 17 millóns de euros. "Por moito que algúns digan o contrario, o orzamento do 2019 crece un 96,1 por cento con respecto ao 2018 (en ferrocarril)", remarcou.

Con estes datos, presumiu de que Lugo "é unha prioridade para o goberno de Pedro Sánchez e así o reflicten" as contas, as que considera "reais" fronte ao feito polo PP, do que lamentou as baixas porcentaxes de execución. Precisamente invitou aos populares a que "pidan perdón aos lucenses, por prometer miles de millóns dos últimos anos e non cumprir". "Este Goberno fai o que di e di o que facía", subliñou.

Deste xeito, os investimentos alcanzan en Lugo os máis de 71 millóns de euros, máis de 43 millóns en estradas e 17 en "infraestruturas ferroviarias", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta