Empresas galegas desenvolven un sensor que controlará en tempo real o consumo de auga

En total son tres pemes as que se involucraron no proxecto co apioo de Viaqua que será usuario final da tecnoloxía e produtos desenvolvidos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2019 | Actualizada ás 16:22

Comparte esta noticia

Un consorcio de empresas galegas iniciou o desenvolvemento dun sensor eficiente de control de augas de consumo humano, que permita actuar de forma rápida e non invasiva no proceso de tratamento, e que se validará na Estación de tratamento de auga potable do Tambre en Santiago.

Fotos Xunta. Xornada Conecta Peme.. XUNTA DE GALICIA
Fotos Xunta. Xornada Conecta Peme.. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

A iniciativa conta cun orzamento de preto de 879.000 euros, co apoio do programa Conecta Peme da Xunta, segundo explicou este venres na presentación do proxecto Trihsens a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey. Detrás do proxecto atópanse tres pemes galegas: Syspro (Vigo), dedicada a desenvolver solucións integradas de automatización e control; Roca Roibas (Bergondo), especializada no deseño e construción de equipos compactos de tratamento de recursos hídricos a medida, e Ayco (Vigo), enxeñería especializada no desenvolvemento de aplicacións de Internet.

A elas súmase unha gran empresa, Viaqua, que actúa como líder e usuario final da tecnoloxía e produtos desenvolvidos, e dous centros tecnolóxicos, Aimen e Cetaqua. Na presentación desenvolvida en Santiago, Argerey destacou o papel de tecnoloxías facilitadoras esenciais, como a nanotecnoloxía e o TIC, para a xestión máis eficiente de recursos naturais como a auga.

Deste xeito, a solución desenvolvida permitirá actuar de forma rápida e non invasiva no proceso de tratamento das augas e optimizar e flexibilizar a xestión dunha planta de tratamento de auga potable, evitando interrupcións na subministración. Argerey subliñou que gran parte dos proxectos apoiados nesta convocatoria de Conecta Peme están centrados, precisamente, na nanotecnoloxía, materias e tecnoloxías de produción --cerca do 30%-- e no ámbito da enerxía e o medio ambiente --cerca do 28%--. Neste contexto, as grandes empresas, como neste caso Viaqua, xogan un importante papel como impulsoras da innovación a través de proxectos de cooperación coas pemes, ás que se dirixe principalmente o programa.

DEMADERA

Por outra banda, durante a mañá tamén se presentou en Santiago o proxecto Demadera, apoiado polo programa Conecta Peme, e que busca atopar novas aplicacións de valor engadido para o eucalipto, o carballo, o castiñeiro e outras madeiras de Galicia. Partindo de extractos que se obteñen do seu procesamiento, desenvolveuse o seu uso como antioxidantes e conservantes naturais. En concreto, elaboráronse viños sen alcol tintos, brancos e espumosos e varias bebidas relacionadas co viño.

O programa Conecta Peme, cofinanciado cos fondos Feder Galicia, apoiou en 2018 un total de 54 proxectos de I+D+i, informa a Xunta, nos que participan 169 empresas, das que un 93% son pemes, e 24 centros tecnolóxicos e de investigación. Grazas a 27 millóns de euros de axudas pública, mobilizáronse 47 millóns e xeráronse 72 empregos cualificados. A Consellería pon de relevo que desde a posta en marcha do programa en 2013 apoiáronse 187 proxectos de cooperación que están a xerar 530 empregos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta