Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2019 | Actualizada ás 20:16
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este venres no acto de presentación de Olaia Ledo como candidata á Alcaldía do concello coruñés de Narón, a quen definiu como "unha muller coas ideas claras do que o partido quere facer na localidade".
Segundo o BNG, Ledo é unha candidata "capaz de darlle a Narón un novo modelo urbano que coloque as persoas no centro". Así, Pontón sinalou que ese novo modelo é o que quere construír o BNG a partir das eleccións de maio, "no que as persoas sexan o primeiro", cunha mobilidade "amable" pola cidade, e que "aposte polo comercio local, e pola cultura como elemento de cohesión social".
"Temos un proxecto para os concellos que funciona, e aí están os gobernos municipais nacionalistas que son concellos modelos, que serven de referencia a nivel internacional porque melloran a vida das persoas", engadiu Pontón.
Para a portavoz do BNG, "é o momento de dar un salto con persoas novas pero que recollen toda a experiencia acumulada nestes anos, con persoas con ganas de dar o mellor de si mesmas para que Narón avance".
Pola súa banda, a candidata, Olaia Ledo, agradeceu a confianza da militancia e sinalou que asume un reto "con ilusión, orgullo e con moitas ganas de traballar para conseguir un Narón mellor". "Grazas á xestión do Bloque, en Narón non se produciu nin un só desafiuzamento", destacou.
"É o momento de avanzar para construír o Narón que todos queremos, o Narón das persoas, no que os nenos, os maiores e as persoas con capacidades distintas teñan todos os servizos cubertos", subliñou Ledo nun acto ante simpatizantes, veciños e militancia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.