Dous centros educativos galegos, premio da Orde Civil Alfonso X o Sabio

A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, entregou este luns na sede do Ministerio as Placas de Honra a seis centros, entre eles, o de Educación Infantil e Primaria de Laredo en Redondela e o Instituto de Educación Secundaria Lucus Augusti de Lugo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/02/2019 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, entregou este luns na sede do Ministerio as Placas de Honra da Orde Civil Alfonso X o Sabio a seis centros educativos, dous deles galegos.

A ministra Celaá cos premiados coas Placas de Honra da Orde Civil Ao. MEFP
A ministra Celaá cos premiados coas Placas de Honra da Orde Civil Ao. MEFP | Fonte: Europa Press

Trátase dun recoñecemento que distingue a persoas físicas e xurídicas e a entidades que destacasen polos méritos obtidos nos campos da educación, a ciencia, a cultura, a docencia e a investigación ou que prestasen servizos importantes neles, tanto en España como no ámbito internacional.

"O voso compromiso diario pola educación pon a nenos e nenas no centro do sistema educativo", destacou a ministra e tamén portavoz do Goberno. Os recoñecidos con esta distinción foron o Centro de Educación Infantil e Primaria de Laredo en Redondela (Pontevedra), o Colexio Menesiano de Santo Domingo da Calzada na Rioxa, o Instituto de Educación Secundaria Lucus Augusti de Lugo, o Colexio Nais Ursulinas de Sigüenza en Guadalaxara, o Centro Público de Educación Básica Aurelio Menéndez de San Antolín de Ibias e o Instituto de Educación Secundaria Elisa e Luís Villamil de Vegadeo, ambos en Asturias.

Segundo informou o Ministerio, con esta concesión recoñécese a un grupo de centros educativos que destacaron entre os que desenvolven diariamente un labor esencial para a mellora da educación en España. "As excelentes boas prácticas que desenvolvedes debémolas extrapolar ao resto de centros educativos do territorio nacional", indicou Celaá.

O Ministerio de Educación e FP recoñeceu ao CEIP de Laredo, premio nacional Acción Maxistral 2017, pola súa contribución ao fomento da iniciativa e o espírito emprendedor do alumnado a través da creación dunha pequena empresa con obxectivos solidarios e de sustentabilidade ambiental.

Así mesmo, o IES Lucus Augusti, na conmemoración do seu 175 aniversario, foi recoñecido por ser un referente na vida académica e cultural da cidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 já_vês

Quatro dos seis em territórios galego-falantes!

1 Alfonso X

Tes ranzón