Piden a dimisión do concelleiro de Obras de Touro por verter refugallos en cunetas

Aldea Viva considera que o Concello se expón a sancións por parte de Medio Ambiente ademais de lembrarlle que xa ten abertas accións por Augas de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Touro | 05/02/2019 | Actualizada ás 19:29

Comparte esta noticia

A asociación Aldea Viva acusa ao Concello de Touro de estar “a utilizar as cunetas dunha pista municipal como vertedoiro dos residuos das súas propias obras e construcións”.  Denuncian que os restos depositados nas veiras desta pista son “restos de formigón, tella ou restos cerámicos misturados con diversidade de materiais plásticos e residuos altamente contaminantes como restos de illamentos de poliuretano”. O traxecto afectado segundo a asociación é a pista que vai dende a Residencia da 3ª Idade até o lugar de A Cruz de Méndez, en Touro.

Refugallos de obras municipais nas cunetas de Touro
Refugallos de obras municipais nas cunetas de Touro | Fonte: Aldea Viva

Aldea Viva suliña ademais que sendo a administración local a que ten que velar polo cumprimento da legalidade “é a primeira que a incumpre”, engadindo a isto a “elevada capacidade contaminante dalgúns dos residuos”. A xuízo da asociación veciñal, o Concello “exponse a sancións ou multas por parte da consellería competente en medio ambiente; multa que se pagaría co diñeiro das veciñas/os e nunca co diñeiro do alcalde ou concelleiro de obras”.

Aldea Viva pediu a dimisión do concelleiro delegado de Obras, Jesús Martínez Pereira, ademais da retirada e tratamento axeitado dos residuos. “A nefasta xestión do concelleiro Jesús Martinez Pereira no departamento de obras municipais é recorrente, foi Alcalde accidental no mes de agosto pasado cando o concello executou obras de canalización do rego Portapego”. Ditas obras, sinalan  “sen autorización preceptiva de Augas de Galicia, o que derivou en actuacións polo  este organismo que aínda están abertas”.

Ditas obras son cualificadas desde a asociacion como “infrutuosas tal como demostraron as últimas treboadas, pretendían ampliar a capacidade do río para que os lodos e residuos da Mina de Touro vertidos non entullaran”. O último feito relacionado con estas obras sucedeu o mes pasado cando “os lodos da mina de Touro rebordaron novamente polas rúas de Fonte Díaz”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 demócrata

vaia desastre de gobernantes hai en Touro, trogloditas. Xa os poden botar en maio se non queren acabar co concello