O BNG sobre a dereita española: "Non son tres; é unha que comparte programa e que quere asentar o odio"

Ana Pontón lamentou que "non acepten a diversidade e o pluralismo político" e que reaccionen con "insultos" ante as propostas de "diálogo" entre o Estado e as forzas independentistas catalás.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2019 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrou o seu rexeitamento a unha dereita española que "non son tres", senón "unha que comparte programa, principios" e que "quere asentar o seu proxecto sobre o odio e a exclusión de quen pensa diferente". Nese sentido, lamentou que se responda con "demagoxia" ante as posibles conversas no conflito con Cataluña.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón | Fonte: Europa Press

Durante a presentación do primeiro tramo da candidatura do Bloque ao Concello de Santiago, Pontón lamentou que esa dereita "non acepte a diversidade e o pluralismo político" e criticou que reaccione con "insultos e demagoxia" ante unha proposta de "diálogo" coas forzas independentistas catalás desde o Estado.

En relación á polémica aberta pola figura do relator no diálogo entre o Goberno español e as forzas independentistas catalás, a líder frontista subliñou que "en política o diálogo ten que ser unha porta que sempre estea aberta".

A continuación, incidiu en que "a dereita está botada ao monte, non acepta a diversidade e o pluralismo político" e, ao seu xuízo, pretende "asentar o seu proxecto sobre o odio". "Non podo concibir a política desa maneira", expresou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta