Perfil dos menores estranxeiros que chegan sós a Galicia: varóns de 16 anos que queren traballar

Xa son 172 os menores foráneos que se atopan baixo protección da Administración autonómica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2019 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

Galicia non é allea á chegada de menores estranxeiros non acompañados (aos que tamén se lles denomina institucionalmente como menas) e, aínda que a presión se cerne fundamentalmente nas comunidades do sur do Estado, na galega a cifra aumentou un 100 por cen entre 2017 e 2018, ao pasar de 84 a 169. Pero é que o crecemento foi exponencial nos últimos anos e, mentres que en 2015 apenas se superaba a trintena (35), en 2016 a cifra elevouse a 57, co que no últimos catro anos creceu case un 400 por cento.

#RefuGal, innovación e tecnoloxía a prol dos refuxiados
#RefuGal, innovación e tecnoloxía a prol dos refuxiados | Fonte: sende.co.

Os datos máis actualizados de 2019 revelan que xa son 172 menores os que se atopan baixo protección da Administración autonómica, segundo as cifras achegadas pola Consellería de Política Social, e dos 169 que había ao peche de 2018, un total de 16 atopábanse en réxime de acollemento familiar.

Os menores non acompañados que chegan a Galicia son mozos adolescentes, duns 16 anos de media, maiormente varóns e as súas expectativas, tal e como explicou nunha entrevista con Europa Press a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, son claras: "traballar" e "independencia". Fundamentalmente, veñen en autobús procedentes doutras comunidades e a provincia da Coruña é a que recibe a maioría deles.

Explícao así tamén Patricia Conde, a directora do centro San José de Calasanz na Coruña, que conta co maior número de menores baixo protección e, á súa vez, a cifra máis elevada de menores estranxeiros non acompañados. Das 40 prazas coas que contan, actualmente 19 son adolescentes que chegaron sós a Galicia.

"Veñen un pouco asustados, porque realmente a gran maioría vén con pouco coñecemento do idioma. Pero polo xeral, a actitude que mostran é de ter as cousas claras, buscan unhas condicións mellores de vida e unha formación para ter un emprego. Iso é o que nos transmiten cando chegan", explicou.

GALICIA AÍNDA TEN CAPACIDADE PARA RECIBIR MÁIS

A directora xeral de Infancia lembrou que Galicia se comprometeu a recibir 25 menores adolescentes procedentes doutras comunidades autónomas, pero esta cota aínda non se cubriu.

Nin sequera empezou a recepción de menores, que depende da "coordinación entre comunidades", que leva a cabo o Goberno central. A Xunta, que ten "capacidade" para recibir máis —sen precisar cifras—, solicitou que a chegada destes 25 menores fose "graduada" para poder "coñecelos de primeira man" co fin de "integralos e buscar o mellor recurso" para eles.

"Estamos a atender a todos, dando o mesmo tratamento do sistema de protección, axustándonos ao seu perfil e as súas necesidades", manifestou Amparo González, quen incidiu en que ademais deses 25 menores que esperan recibir, Galicia segue "acollendo" aos que chegan de forma individual. O sistema, dixo, é "dinámico" e por iso "entran e outros saen".

Os menores estranxeiros intégranse nos mesmos centros de protección nos que se atopan os orixinarios de Galicia, pero a prioridade no seu caso é que coñezan o "idioma e a cultura", para poder cumprir as súas "expectativas" de integrarse no mercado laboral.

Amparo González admitiu que o obxectivo é aumentar o acollemento familiar en xeral para todos os menores baixo protección —como así tamén o acaba de reclamar o Parlamento galego—, pero no caso dos estranxeiros non acompañados apuntou que non adoitan cumprir os perfís "idóneos" para as familias, pola súa elevada idade e pola dificultade de idioma.

Por iso, a maioría están en centros de protección. Dos 169 que había en 2018, só 16 estaban en acollemento familiar, segundo os datos da Consellería de Política Social.

"QUEREN TRABALLAR"

"O que queren é traballar, e o que traballamos con eles é para aprender o idioma, habilidades sociais e laborais para a súa inserción sociolaboral", indicou o alto cargo da Xunta, ao que engadiu que as familias, en xeral, "son máis remisas a acoller a adolescentes".

A maioría dos menores non acompañados son de orixe magrebí. No centro da Coruña, como explica a súa directora, é moi importante o apoio que lle dan os mozos que xa levan un tempo aos que chegan novos, sobre todo, para as cuestións de idioma, aínda que, engadiu, "aprenden rapidísimo".

Pero tamén son un "exemplo" para outros menores máis pequenos de orixe galega, posto que adoitan mostrar "moito interese no deporte". "Son bos para os outros menores, a experiencia é positiva", dixo sobre a convivencia duns e outros.

O PROCEDEMENTO

Cando os menores chegan e se detecta a súa presenza, case sempre a través da Policía Autonómica, primeiro verifícase que efectivamente non cumpriron a maioría de idade, se é necesario cunha proba de idade.

Así, a Xunta acolle nun primeiro momento a garda provisional e, posteriormente, unha vez sinalada a idade a través do decreto de Fiscalía, a Administración autonómica asume a tutela. A partir de aí, realiza unha entrevista ao menor acompañado dun tradutor para coñecer a situación familiar no país de orixe e cales son as súas expectativas.

Amparo González explicou tamén que os servizos de protección, ademais, tramitan a documentación necesaria, o que tamén inclúe a xestión da tarxeta sanitaria ou o permiso de residencia, por exemplo.

E logo ofréceselles formación, en primeiro lugar, no idioma e, adicionalmente, dado que as expectativas son laborais, trabállase con eles para unha posible formación laboral co obxectivo da inserción. Case sempre vinculada ao sector servizos, talleres, reparación e fábricas, entre outros.

O traballo de inserción sociolaboral comprende desde os 16 anos e pódese prolongar (se a persoa quere) ata os 25 nos casos de que sexa necesario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta