Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2019 | Actualizada ás 16:14
A investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Cristina Seoane Novo achega na súa tese de doutoramento unha nova perspectiva aos estudos de cerámica e metalurxia na cultura castrexa, un traballo polo que recibiu un sobresaliente cum laude.
Segundo este estudo, do que informou a USC, "as producións cerámica e metalúrxica da Idade de Ferro no Noroeste peninsular sucedéronse paralelamente, de modo que "cada produción que forma a cultura material dos castros non é resultado de procesos illados e, por tanto, todas son produto dun conxunto sociocultural específico, que evolucionan xuntas e que intercambian información entre elas", tal e como explicou a autora.
Cristina Seoane, "fronte á estendida literatura arqueolóxica que sostén a posible orixe metálica de determinadas formas e decoracións do catálogo cerámico castrexo, decidiu indagar na relación entre ambas as manifestacións artísticas".
Para iso, estudou vasillas cerámicas e metálicas "nun intento de comprobar a que niveis e en que termos se produce o diálogo entre artesanías". Así, despois de analizar dúas producións específicas, estudou en que dirección viaxa a información entre olaría e metalurxia, que características se presentan e como inflúe nas dúas producións escollidas como estudo do caso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.