A galega, cuarta lingua en edición de libros

A edición en Galicia creceu un 12% en 2018, cun total de 2.161 novos títulos e sitúase quinta en España, onde descendou o número de novos títulos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/02/2019 | Actualizada ás 16:12

Comparte esta noticia

Un total de 2.161 novos títulos foron editados en Galicia en 2018 en todos os formatos e en diferentes linguas, segundo os datos dados a coñecer este martes pola Agencia del ISBN. Por idiomas, o galego ocupa a cuarta posición, por detrás do castelán, catalán e inglés.

Feira do Libro
Feira do Libro | Fonte: Europa Press.

Esta cifra tradúcese nun incremento do 12%, 253 títulos máis, respecto a os 1.927 que saíron á luz en Galicia no ano 2017. Supón o 2,8% do total de 76.181 títulos publicados en España en 2018.

Madrid e Cataluña, por esta orde, foron as dúas comunidades cuxas editoriais rexistraron un maior número de títulos ao longo de 2018, 26.995 (35%) e 17.508 (23%), respectivamente. Madrid subiu cinco puntos con respecto a 2017, e púxose á cabeza no rexistro de títulos, mentres que Cataluña baixou doce puntos. En 2017 produciuse un incremento notable dos rexistros de libros procedentes de Cataluña, o que explicaría a caída deste ano.

Tras estas comunidades sitúanse Andalucía, con 14.163 títulos (19%), 619 máis que en 2017; Comunidade Valenciana, 5.904 (7,7%), un incremento de 253 títulos; e en quinto lugar Galicia, cos seus 2.161 títulos; País Vasco, 1.742 (2,3%), 570 títulos menos; e Castela-A Mancha, 1.066 (1,4%), 25 títulos menos.

Madrid e Cataluña son tamén as Comunidades que maior número de libros dixitais rexistraron con 7.980 e 3.781 respectivamente. As cifras de títulos dixitais representan o 30% e o 22% respectivamente de todos os títulos que inscribiron na Axencia do  ISBN.

CAÍDA EN ESPAÑA

Con respecto ao ano 2017, as editoriais de todo o Estado rexistraron 11.111 títulos menos, o que supón unha diminución do 12,72%. Estas cifras non inclúen os títulos autoeditados. A maior parte do descenso de libros rexistrados proceden dos títulos dixitais.

Do total de títulos rexistrados en 2018, 18.951 foron en formato dixital, o que equivale ao 25% do total.

GALEGO, CUARTA LINGUA

En canto ás linguas de edición dos libros rexistrados pola Agencia del ISBN, os libros en lingua española (63.310) foron os predominante entre os títulos rexistrados en 2018.

O catalán foi a segunda lingua nos libros rexistrados, con 6.579 títulos, seguido do inglés (2.613) e o galego (1.245). A continuación, séguenlle o vasco (1.204); o valenciano (943); o portugués (817); o francés (462); o italiano (259); o alemán (131); o  bable (82); o latín (41); o árabe (27); o chinés (24); o aragonés (22); o grego antigo (16), e o ruso (13). Hai que sinalar que, ademais destes idiomas, a Agencia del ISBN rexistrou libros noutras 59 linguas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta