O Sergas insiste nun aumento das prazas MIR como solución ás demandas do persoal sanitario

Tras a multitudinaria manifestación do domingo a prol da sanidade pública, o xerente do Servizo Galego de Saúde asegurou que o remedio nesta situación "non pasa por unha soa actuación". Fixo fincapé no alto número de aspirantes que se presentaron ás probas para ser Médicos Internos Residentes.

Por E.P. | VIGO | 12/02/2019 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández-Campa, insistiu na necesidade dun maior incremento de prazas de Médico Interno Residente (MIR) como solución ás demandas do persoal sanitario. Ademais, puxo en valor que, na última e aínda recente convocatoria, se presentasen 15.000 aspirantes para un total de 7.000 prazas.

Respecto das críticas do colectivo sanitario -mergullado nunha onda de protestas para reclamar un maior investimento en profesionais e medios-,  o xerente do Sergas puxo en valor o incremento de prazas para médicos residentes e asegurou que, se o Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social avala un aumento da oferta, apostarase por esa medida.

Trátase dunha proposta que xa suxeriu o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, durante unha visita a Madrid. Ademais, o xerente do Sergas incidiu en que, na actualidade, esta entidade traballa na procura de melloras para facer fronte ao "crecemento da demanda nos Puntos de Atención Primaria" e á falta de facultativos especializados.

DEMANDAS DOS TRABALLADORES

O contexto actual enmárcase nun proceso de constitución de grupos de traballo por parte do Sergas, logo da dimisión dos xefes de servizo de Atención Primaria en Vigo e as mobilizacións en defensa dun servizo de sanidade digno. Destaca, entre eles, a multitudinaria manifestación que tivo lugar este domingo en Santiago. Ante isto, o xerente sanitario reivindicou que a solución ás esixencias do sector "non pasa por unha soa actuación".

Por iso, explicou que o Sergas se reuniu cos xefes de servizo da área co obxectivo de "recibir ideas" e solucións que poidan axudar a xestionar a demanda existente. Así, o servizo de saúde galego expuxo actuacións a "curto, medio e longo prazo", segundo asegurou o xerente.

Respecto da temporalidade do persoal no sector, destacou que se conseguiu un "modelo contractual máis amplo". Nesta liña, Fernández-Campa sinalou que o Sergas aposta por que o Ministerio de Sanidade facilite que os contratos temporais se realicen "dun modo regulado", no canto de efectuarse mediante contratos-nomeamentos eventuais.

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández-Campa,
O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández-Campa, | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta