'Elisa e Marcela', a película sobre a primeira voda gay en España, estréase este mércores en Berlín

Varias cintas galegas, como obras de Lois Patiño e Ignacio Vilar, promociónanse no mercado que se celebra no marco do festival

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2019 | Actualizada ás 09:52

Comparte esta noticia

A película 'Elisa e Marcela', que conta a historia das dúas galegas que a principios do século XX protagonizaron a que está considerada como primeira voda homosexual en España, terá a súa estrea mundial este mércores no Festival Internacional de Cinema de Berlín.

'Elisa e Marcela' é a película coa que a realizadora Isabel Coixet opta ao premio Oso de Ouro. Conta cunha repartición no que participan varios intérpretes galegos e foi rodada en varias localizacións de Galicia. Ademais, a súa produtora, Zenit TV, foi a adxudicataria dunha das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

A estrea desta longametraxe enmárcase no European Filme Market (EFM) de Berlín, no que se presenta unha ampla delegación comercial de audiovisual galego que coordina a Xunta a través da Agadic, da que forman parte 17 empresas produtoras e distribuidoras.

Segundo informa a Consellería de Cultura e Turismo nun comunicado, os representantes traballan durante o evento na procura de acordos de coprodución, vendas e distribución internacional neste "importante mercado", que se desenvolverá ata o próximo día 15 de febreiro en paralelo á 69ª edición da Berlinale, o Festival Internacional de Cinema de Berlín.

No marco do programa autonómico de internacionalización do audiovisual galego e baixo a marca 'Films from Galicia', atópanse na cidade alemá os representantes de produtoras como Big Rights, Boneca Lareta, Filmax, Filmika Galaica, Ollovivo Producións, Vía Láctea Filmes ou o Clúster Audiovisual Galego (Clag).

TÍTULOS GALEGOS

As empresas galegas participan na 31ª edición deste mercado, "un dos máis importantes deste sector a nivel mundial", cunha serie de títulos cada unha tanto en proxecto, como en fase de produción ou xa terminados.

Deste xeito, Gaitafilmes céntrase de forma prioritaria en pechar o financiamento e en buscar potenciais coproductores para 'Welcome to ma maison', a próxima longametraxe de Andrés Goteira.

Así mesmo, Matriuska acode con tres producións: 'Que fixemos mal?', de Liliana Torres; 'A media voz', de Patricia Pérez e Heidi Hassan; e 'Mr Stevens', de César Souto. Con estas apostas busca acordos de explotación e vendas no exterior.

Pola súa banda, Ollovivo atópase en Berlín co proxecto en postproducción 'EroskiParaíso'. Trátase dunha longametraxe experimental de Jorge Coira e Xesús Ron a partir da obra de teatro homónima de Chévere. Tamén se presenta na capital alemá o proxecto en desenvolvemento 'Corpo aberto', unha película de Anxos Huerta que adapta un relato de terror de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Ademais, trabállase estes días en Berlín noutras propostas galegas como 'Aura 1964', de Ignacio Vilar e producida por Vía Láctea Filmes; ou 'Tempo vertical', de Lois Patiño e a produtora Zeitun Films.

Marcela e Elisa despois da voda
Marcela e Elisa despois da voda | Fonte: Wikipedia-La Voz de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta