Por Xurxo Salgado | Tui | 03/10/2011 | Actualizada ás 09:00
"Para un partido ainda moi novo como o noso traballarmos para conseguir os avais para presentarnos a unhas xerais é un reto complicado, que como se sabe son as eleccións máis dificiles para un partido de ámbito infraestatal". Así de contundente e claro se amosa Padín sobre o gran reto da súa formación para as vindeiras semanas; superar o corte establecido na recente modificación da LOREX (Lei Organica de Réxime Electoral Xeral) que no seu artigo 169.3 exixe so para os partidos que non teñen representación nas cortes os avais do 0,1% do censo de cada provincia ou circunscripción.
En declaracións a Galicia confidencial, o líder de CXXI asegura que, a pesar das dificultades, ao seu partido "non lle asustan os retos". "Sabemos que para chegar algún dia hai que comezar por construir os alicerces con constancia e dedicación, é neste contexto que se explica a nosa aposta por tratar de concorrer ás eleccións xerais", asegura.
2.690 sinaturas
Durante os vindeiros días, os militantes de Converxencia XXI sairán ás rúas para conseguir eses avais que lles permitan participar nas eleccións xerais do 20N. Son 2.690 sinaturas, distribuídas por provincias, as que necesitan para poder participar nos comicios ao Congreso ou ao Senado. Por iso, insiste en que o aval non compromete a nada, nen significa, en ningún caso, o voto. "O aval vale unicamente para que a formación galeguista e centrista poida concorrer ás eleccións e dotar a Galicia dunha nova voz forte e sensata".
No seu congreso esta formación centrista e galeguista volveu apostar polo respecto á liberdade de prensa, a independencia xudicial, a loita contra a corrupción e o estímulo da competitividade. De cara ás eleccións, Converxencia 21 conta con conseguir avais para presentarse nas catro provincias galegas, cun programa que estará centrado na "austeridade real e non propagandística", na reforma da administración, e en recortes "que non poñan en compromiso os dereitos fundamentais dos cidadáns". Para Padín, "a educación e a sanidade teñen que ser as áreas a salvar. Pero socialistas e populares, por non recortar os seus propios privilexios, acaban recortando a educación e a sanidade".
Sobre a situación política actual, Padín di sentirse "preocupado" polo "fondo deterioro" da democracia en España. "A casta de PP e PSOE non dan pasos no sentido de reformular o estado para facelo máis eficiente e profundizar a democracia senón todo o contrario, o que fan é manter os chiringos onde miles dos seus fieis se alimentan a base de todos os contribuintes, como as deputacións ou os pequenos concellos que non son viables", denuncia.
O "secuestro" de PP e PSOE
Unha crítica que xa fixo nas páxinas do GC e que reitera porque considera que o PP e o PSOE "teñen secuestrada a democracia e non queren concorrencia como demostra a modificación da Lei Electoral", que impide aos pequenos partidos presentarse ás xerais.
En maio de 2011 Converxencia XXI conseguiu o seu primeiro concelleiro en Tui, precisamente, na persoa de Carlos Vázquez Padín. Por iso o segundo congreso de Converxencia XXI tivo lugar na vila tudense, onde se reuniu medio cento de compromisarios chegados de toda Galicia e da emigración. O obxectivo do Congreso, a dous meses das eleccións xerais, era ampliar a executiva da formación e aprobar reformas estatutarias de carácter técnico que lle dean máis marxe de traballo á directiva.
A nova executiva de Converxencia XXI, respaldada pola unanimidade do Congreso, estará composta por nove membros. O novo secretario de organización será o compostelán Xosé Febrero e o responsable do financiamento o cangués Antonio Pérez. Tamén haberá responsabilidades específicas para a mocidade (Mateo Franco), para a comunicación interna (Javier Abad), ou para o merchandising e a comunicación externa (Xosé Luís Reza).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.