O PP galego segue sen definirse ante un posible pacto con Vox

Pedro Puy di que o seu partido buscará "fuxir dos extremismos", pero evita definir ao partido de Santiago Abascal como extrema dereita.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/02/2019 | Actualizada ás 15:45

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, mostrou a preocupación da súa formación política polo adianto electoral das xerais, sobre todo, polas consecuencias no ámbito económico, pero baixo a premisa de que "non paga a pena chorar máis polo leite derramado", puxo deberes para antes do final de lexislatura: asinar os contratos das fragatas, o decreto para poñer solución á situación das empresas electrointensivas (Alcoa) ou os 200 millóns de recadación de IVE para Galicia.

A ultradereita española e francesa: Santiago Abascal (VOX) e Marine Le Pen (Frente Nacional de Francia)
A ultradereita española e francesa: Santiago Abascal (VOX) e Marine Le Pen (Frente Nacional de Francia) | Fonte: VOX.

Todo iso, co desexo de que o PP "concite o maior número de apoios posibles" nas próximas eleccións xerais e "conforme goberno coa menor necesidade de apoios externos posibles". E que, por tanto, poida "fuxir dos extremismos" nos pactos, como apuntan as enquisas que serán necesarios despois da cita coas urnas para investir presidente.

Puy evitou ligar a Vox directamente cos extremos, pero terminou por dicir que non fai falta que o defina el, xa que os propios cidadáns na enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) identifícano á dereita no espectro ideolóxico. Dito isto, disertou sobre a relatividade da cuestión esquerda-dereita e posicionouse no "centro" dos consensos que, ao seu entender, non se poden romper—como o marco constitucional—.

"A nós, o que nos preocupa, é ter un bo resultado. É necesario traballar para que sexa o mellor posible para o conxunto do país. O que demostra a experiencia dos últimos anos é a importancia de contar con partidos sólidos", expuxo Pedro Puy, despois de facer unha análise das repercusións económicas que pode ter o adianto electoral, tal e como previamente se abordou na reunión do grupo parlamentario.

O portavoz parlamentario dixo que o PP "representa un sector amplo, moderado, liberal conservador, de centro dereita" e constatou que "hai que recuperar a confianza dese sector amplo e aglutinar" a eses cidadáns. "Iso é no que imos traballar, certamente é o noso obxectivo para as próximas eleccións", sinalou.

Puy, que afirmou que descoñece se hai enquisas internas no partido que falen dun freo a outras forzas políticas en Galicia por non formar parte do comité electoral, insistiu en que o PP buscará "recuperar a confianza desa maioría de españois que consideran que hai que facer reformas".

Para o deputado popular, "é evidente que hai partidos no espectro andaluz" e, haberá que "ver no español e galego", que teñen "posturas moi radicais" que, asegurou, "non comparten" os populares, malia ter asumido o discurso de Vox e pactar con este partido en Andalucía. "Todo o que sexa romper consensos, radicalidade, cuestionar as regras do xogo que nos demos, por unha banda e polo outro, todo o que sexa iso en liñas xerais non se axusta ao que pensamos no Partido Popular", aseverou.

De feito, sacou a colación o acordo sobre violencia machista alcanzado a semana pasada no Parlamento de Galicia para diferenciarse de formacións "radicais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta