O PSOE lugués acusa o PP de "non querer" a intermodal logo de que a Xunta rexeitara a proposta de Fomento

O secretario provincial dos socialistas, Álvaro Santos, pediulle á Xunta "que se deixen de contos" e que decidan "se ofrecer unhas instalacións como Lugo merece" ou "se seguir deixando ancorada no pasado" a cidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2019 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O secretario provincial do PSOE en Lugo, Álvaro Santos, acusou hoxe ao Partido Popular de "non querer unha intermodal" para a cidade, logo de que a Xunta rexeitase a proposta lanzada polo Ministerio de Fomento.

É por iso que pide aos populares que "se deixen de contos e de paripés". "Tiveron tempo para avanzar, tiveron tempo para facer, correspóndelles (á Xunta) a parte da estación de autobuses, e nós (Concello) imos seguir avanzando na parte da estación do tren", aseverou.

Neste sentido, Santos reclama que se deixe de "mentir", á vez que interpretou que ese rexeitamento á terminal, verbalizado esta semana en Lugo pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, "foi dicir que o PP non quere a intermodal en Lugo".

O líder provincial avanzou que os socialistas seguirán "traballando" para conseguir dita infraestrutura, de modo que deixou caer que "a Xunta decidirá se quere ofrecer unhas instalacións de intermodalidade cos buses aos lucenses como se merecen, como unha cidade e unha provincia vangardista e moderna; ou se queren seguir deixando ancorado no pasado a Lugo".

"O que non podemos consentir é seguir paralizados por unha Xunta de Galicia que o único que fai é agredir os veciños e veciñas de Lugo. Agora sabemos a verdade, nós seguiremos traballando co Ministerio de Fomento, que desde que non está o PP ten unha actitude construtiva e propositiva para esta provincia e para esta cidade", esgrimiu Santos finalmente.

Álvaro Santos Ramos, secretario provincial do PSOE en Lugo.
Álvaro Santos Ramos, secretario provincial do PSOE en Lugo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta