Valdeorras tenta potenciar o sector vitícola

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou a sede do Consello Regulador, en Vilamartín de Valdeorras, onde mantivo unha reunión co presidente, José Luis García Pando, e cos membros do pleno do organismo.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 23/02/2019 | Actualizada ás 10:41

Comparte esta noticia

Na reunión, García Pando trasladou ao titular de Medio Rural as demandas do sector vitivinícola valdeorrés, entre as que destacou a necesidade de “buscar fórmulas que permitan reorientar as terras abandonadas cara a novas plantacións e terreos produtivos”. Así mesmo, o presidente instou González a promover unha actualización do rexistro vitícola porque “moitas veces a numeración do SIXPAC non coincide coa do catastro”. García Pando considerou que estes erros “non poden afectar na petición de axudas para plantacións novas”.

Na sede do CRDO Valdeorras. Fonte: Ideo B.
Na sede do CRDO Valdeorras. Fonte: Ideo B.

Aproveitouse a reunión tamén para intentar axilizar a creación dunha aplicación que permita informatizar o traballo administrativo das adegas, incluíndo informe e licenzas obrigatorias. Tal e como destacou García Pando ante o conselleiro, “en Valdeorras xa se traballa nesta liña”.

Abondando nas peticións, o presidente do CRDO Valdeorras solicitou á Xunta un aumento do orzamento para os gastos de control: auditorías, vendima, etc” porque nos últimos catro anos estes gastos multiplicáronse por catro, e  tamén deixou de manifesto a necesidade de “reclamar ao Goberno Central que as axudas a plantacións europeas sexan xestionadas desde a Xunta”.

Pola súa banda, o titular de Medio Rural destacou durante a súa intervención ante os medios e os membros do Pleno a “tolerancia cero da administración autonómica con respecto a “calquera tipo de fraude no ámbito vinícola”. E tamén subliñou a aposta da Xunta pola “promoción dos produtos acollidos ás denominacións de orixe galegas”. “Queremos apostar pola calidade, polas variedades autóctonas e pola comercialización conxunta”, engadiu lembrando que xa está en marcha un plan estratéxico de posta en valor das cinco Denominacións de Orixe galegas.

Respecto da recuperación e posta en valor dos terreos produtivos galegos, o titular de Medio Rural avogou por “articular mecanismos para facilitar o acceso a estas terras”. Neste sentido, indicou que en 2019 aprobarase unha lei que posibilitará a recuperación de moitas destas terras.

Despois de visitar a sede do Consello Regulador, o conselleiro desprazouse ata as instalacións dunha das adegas da comarca. José González visitou tamén unha das cooperativas vitivinícolas valdeorresas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta