A Cámara pide que o Goberno central "trate de evitar" o peche de Meirama e un plan de "reindustrialización"

Os grupos da oposición reclaman á Xunta que se implique e "esixa" a Naturgy investimento para adaptarse á normativa europea.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2019 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou este mércores unha proposición non de lei presentada polo grupo popular na que se reclama á Xunta que interceda ante o Goberno central co obxectivo de "evitar que se materialice" o peche da central de Meirama ou que, na súa falta, se articule xunto a Naturgy "un verdadeiro plan de reindustrialización vinculado co mantemento e creación de emprego" na zona.

A encargada de defender a iniciativa foi a popular Marta Nóvoa, que asegurou que o peche desta central térmica suporá unha "perda de negocio de 20 millóns ao ano". Nóvoa dedicou boa parte da súa intervención a afear a "forma de comprometerse con Galicia" do Goberno socialista de Pedro Sánchez, que "será lembrado como o que máis agraviou" á comunidade "en menos tempo".

Así, a deputada do PPdeG mencionou o "abandono da industria electrointensiva galega", con situacións como a de Alcoa ou Ferroatlántica, que pon en risco miles de postos de traballo mentres ao Goberno "dálle igual".

ADIANTO DO PECHE

Sobre as térmicas, Marta Novoa acusou desta situación ás políticas do Goberno de Sánchez en relación á transición enerxética, que "adianta o peche das centrais de Galicia e de España 15 anos" e imponse "obxectivos moi superiores aos de ningún país da UE".

"O paradoxo é que imos ser os primeiros en pechar as nosas plantas e logo comprarémoslle a enerxía a Francia ou a Marrocos", dixo a deputada, que reclamou que o Executivo "actúe" para que a comarca de Cerceda "siga tendo actividade".

O FOCO NA EMPRESA

A iniciativa foi emendada polos tres grupos da oposición con propostas que foron rexeitadas polo PPdeG. Con todo, saíu adiante cos votos a favor de populares e socialistas e ante a abstención de BNG e En Marea.

En común, os grupos da oposición puxeron en foco en Naturgy, reclamando que se lle esixa investimento para a adaptación da planta ás novas esixencias de emisión da UE en lugar do peche. "A directiva europea de niveis de emisións non é de onte e, con todo, o PP permitiu que os niveis de emisión fosen esaxerados", dixo o deputado nacionalista Mini Rivas durante a súa intervención, na que esixiu que a Xunta tamén tome cartas no asunto e "demande a Naturgy" a "adaptación" ao marco europeo.

Na mesma liña, a deputada de En Marea Luca Chao reivindicou ás popular "medidas concretas que impliquen" ao Goberno da Xunta e a Naturgy na súa adaptación á normativa europea.

A emenda deste grupo incluía propostas para alcanzar a nivel estatal, e de forma consensuada, "un modelo de transición enerxética máis racional e sustentable", grupos de traballo para o desenvolvemento económico dos concellos afectados en Galicia e a inclusión nos orzamentos galegos de partidas para o fomento de iniciativas empresariais e formativas nestas áreas, sobre todo en materia de renovables.

Finalmente, a deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo afeou o "cinismo político" do Goberno de Núñez Feijóo que, criticou, non fixo reclamacións sobre Meirama durante o período de Mariano Rajoy.

Desde a chegada á Moncloa de Sánchez, dixo Rodríguez Rumbo, o grupo parlamentario do PpdeG "presentou 64 iniciativas, o 53 por cento do total, instando o Goberno central", fronte ao "15 por cento" dos "19 meses de lexislatura de Rajoy".

Na súa emenda, os socialistas reclamaron cuestións como a convocatoria da mesa para desenvolver "canto antes" o Plan do Carbón e, aínda que non foi aceptada, votaron a favor da iniciativa: "porque si nos comprometemos con Galicia".

Central térmica de Meirama. ALICERCE Ponche
Central térmica de Meirama. ALICERCE Ponche

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta