Dora, a rozadora, unha "brava do país", a imaxe gráfica de Pontevedra na campaña do 8M

A imaxe tamén vai ser usada en chapas coa lema 'Moza!! Fai coma min e roza'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2019 | Actualizada ás 18:29

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra presentou a súa campaña gráfica para o próximo 8 de Marzo, Día da Muller, que ten como protagonista a 'Dora, a rozadora' unha "brava do país" que transforma o símbolo feminista nunha "fouce" coa que cortar de raíz co machismo.

Esta muller "loitadora e valente" é un dos personaxes creados polo debuxante Luís Davila que este mércores participou na presentación da campaña xunto á concelleira de Igualdade, Carme Fouces e a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos.

Para a concelleira, Luís Davila é "unha das persoas que ten máis pillado o enfoque feminista desde a perspectiva galega" xa que é capaz, dixo "de meterse na cabeza de moitas mulleres galegas de toda a vida, de sempre, as que nos identifican, as que nos precederon". Ademais, definiu ao seu 'Dora, a rozadora' como "pouco impresionable" e confía en que o próximo 8 M estea "cheo de douras ocupando as rúas", protagonistas dunha xornada "festiva e reivindicativa", a favor da igualdade real.

Este mesmo mércores empezou a distribución dos carteis pola cidade co fin de facer un chamamento á participación nas mobilizacións convocadas para este día e contribuír a concienciar a favor da loita da igualdade.

OUTRAS ACCIÓNS

Ademais, a imaxe de 'Dora, a rozadora' tamén vai ser usada en chapas coa lema 'Moza!! Fai coma min e roza'. As chapas estarán a disposición da cidadanía na praza da Ferrería antes do inicio da mobilización do día 8.

Precisamente, para asistir á marcha central que terá lugar o vindeiro domingo en Lugo, o Concello de Pontevedra pon a disposición dos interesados un autobús gratuíto para o que aínda quedan algunhas prazas.

Para solicitalo, é necesario porse en contacto coa concellaría de Igualdade. Os horarios de saída están previstos para as 8,30 na Capela de San Roque e ás 8,45 no Mercado de Abastos. A volta está prevista para as 16,00 horas. Carmen Fouces anunciou tamén a disposición dunha dotación da Policía Local no Concello, destinada a solucionar eventualidades que se poidan dar no transcurso do Entroido.

Neste sentido, a concelleira fixo, en nome do Consistorio, un chamamento a todo o mundo a que goce das festas pero tendo presente, "máis que nunca", que as agresións sexistas, machistas e sexuais "teñen que desaparecer da nosa forma de relacionarnos".

Ademais, pediu a colaboración do público en caso de ser testemuña dun suceso desta índole, póndose en contacto co persoal do Concello ou coas patrullas policiais que se atoparán polas rúas.

Cartel do 8M do Concello de Pontevedra.. CONCELLO DE PONTEVEDRA
Cartel do 8M do Concello de Pontevedra.. CONCELLO DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta